Suso Bermello ante o comezo do curso

"Como nación, precisamos un sistema educativo propio"

Suso Bermello

Esta segunda feira enceta o curso escolar no segundo ciclo de educación infantil, educación especia e primaria. O 15 é a quenda da ESO, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial. Conversamos no Sermos Galiza 262 con Suso Bermello, secretario nacional de CIG‐Ensino, sindicato maioritario no sector, sobre as perspectivas nos centros educativos galegos. Eis un avanzo da entrevista.

-Que nos vai deparar este curso escolar 2017-2018 após un feche turbulento, marcado por recortes en centros?

 

-Este inicio de curso vai estar marcado por algo preocupante, que é o continuísmo da política educativa do PP. Aquí o PP comezou a aplicar os recortes a nivel profesorado e aulas moito antes de que se aplicase a LOMCE. A ampliación horaria do profesorado en primaria e secundaria foi antes da aplicación da LOMCE e antes de que en 2012 Rajoy aprobase un real decreto que teoricamente obrigaba as comunidades autónomas a ampliar o horario do profesorado. É certo que houbo territorios insubmisos a ese real decreto, pero non os do PP. Aquí quen primeiro se moveu foi Feijóo, pero precisamente na dirección que despois marcou a LOMCE. Así, o principal trazo do inicio de curso vai ser o continuísmo. Como apuntabas na pregunta, no mes de xuño evidenciouse que hai un PP que, aínda que é certo que conta con maioría absoluta, está illado do resto da sociedade, da comunidade educativa, das familias, dos concellos...

 

-Anunciou ese feche de aulas xusto ao remate do curso escolar.

 

-O recorte que houbo de aulas, traslado de ensinanzas ou feche de centros, que coñecemos o 22 de xuño, en pleno final de curso, pon de manifesto varias cuestións. Primeiro, que non saben consensuar, negociar nin poñerse de acordo á hora de formular posíbeis solucións ao deseño dun mapa educativo dun concello ou dunha comarca, pero detrás hai un segundo aspecto que é máis importante. O colexio de Outes, como exemplo, tiña 72 alumnas e alumnos matriculados para o curso 2017- 2018. Sorprenderíavos saber o número de colexios que hai no país con menos alumnado. Que nos indica isto? Pois que foi un globo sonda, unha avanzadilla, o que pretenden é darlle unha tesourada importante á rede educativa, aforrar na perspectiva de que a educación non é un investimento, senón un gasto, ou responde exclusivamente ao interese propio do PP en Outes.

 

[A íntegra da entrevista, a dupla páxina, aparece no Sermos Galiza 262, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]