Os nacementos na Galiza caen un 7,71% nos catro primeiros meses do ano

(Foto: Europa Press)

Os nacementos rexistrados na Galiza nos catro primeiros meses de 2021 supoñen un descenso do 7,71% respecto ao mesmo período do ano anterior, segundo a estatística experimental que publica esta segunda feira o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Por provincias, a diminución é do 8,24% en Pontevedra, do 7,12% na Coruña, do 10,91% en Lugo e do 4,48% en Ourense. No conxunto estatal, a redución foi do 6,07%.

Deste modo, a caída de nacementos na Galiza, malia superar a media estatal, suavízase no mes de abril, xa que a baixada acumulada ata marzo era do 10,92%. Con respecto ao mesmo período de 2019, a caída é do 8,22%.

O número de nacementos que houbo na Galiza no primeiro trimestre de 2020 foi o peor dato desde que hai rexistros no Instituto Galego de Estatística (IGE) -desde 1996-, con só 3.820.

Taxa de natalidade das máis baixas do mundo

En 2016 a taxa de natalidade foi en Galiza de 7,02. É dicer, sete nacementos por cada mil habitantes. Unha ratio das máis baixas que hai en todo o planeta. De feito, e segundo dados internacionais, só Mónaco ten peores rexistros: 6,6 nacementos por cada mil habitantes. Nos outros por volta de 200 estados que hai no mundo, a taxa de natalidade é mellor do que a galega.

De feito, países con problemas neste sentido, como Xapón, Alemaña ou Letonia, teñen moitos mellores rexistros que Galiza. Se pousamos a mirada nos cinco rexistros máis baixos de taxa de natalidade de estados desde 1960 vemos como o noso país ten peores datos que eles. Preocupante.

Proxeccións

As proxeccións de poboación realizadas polo Instituto galego de estatística (IGE) sinalan que para 2031 a pirámide poboacional galega terá un 26% menos de menores de 10 anos e un 16% de persoas entre os 80 e 94 anos.