Os nacementos caen na Galiza 2% até o mes de maio

Os nacementos caen na Galiza (Foto: Nós Diario).
Se a comparativa se fai cos cinco primeiros meses de 2019, o descenso de nacementos na Galiza é de 12,3%, un punto por encima da media do Estado (-11,4%).

Galiza rexistrou 5.618 nacementos até maio de 2023, o que supón unha caída de 2% en comparación cos cinco primeiros meses do ano anterior, segundo os datos que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) esta cuarta feira.

Este retroceso é similar á baixada da media estatal (-2,29%). O descenso máis acusado produciuse en Asturies (-9,19%) nun período de diminución xeneralizado.

Se a comparativa se fai cos cinco primeiros meses de 2019, o descenso de nacementos na Galiza é de 12,3%, un punto por encima da media do Estado (-11,4%).

Defuncións

No tocante ás defuncións, que tamén publica o INE esta cuarta feiea neste caso con datos do primeiro semestre, na Galiza houbo un acumulado de 16.849 mortes en 26 semanas, o que supón 4,6% menos. Este descenso é case idéntico ao do Estado (-4,7%).

Con todo, os falecementos aumentaron 3,4% na Galiza respecto ao primeiro semestre de 2019, antes da pandemia. Esta alza está por encima da media estatal que é de 2,7%.