Os nacementos caen 2,4% até agosto e as defuncións medran 7,8% até setembro

Unha nai pasea o seu bebé nun carriño. (Foto: Europa Press)
O descenso da natalidade galega é 1,5 puntos superior ao que se rexistra no conxunto do Estado español.

A Galiza rexistrou 9.525 nacementos entre xaneiro e agosto, o que supón un descenso de 2,4% a respecto do mesmo período do ano anterior, e unha diminución superior, de 9,27%, en comparación cos oito primeiros meses de 2019, segundo os datos que publica esta cuarta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE).

De forma paralela, as defuncións até a semana 39 do ano, isto é, até finais de setembro, alcanzaron as 26.204 no conxunto do país, que representan 7,8% máis na variación anual e 12,38% máis que no mesmo período do ano previo á pandemia.

Así se desprende das dúas estatísticas que vén de publicar o INE: por unha parte, a estimación mensual de nacementos correspondente ao mes de agosto de 2022, e por outra, a estimación do número de defuncións semanais até a semana 39 do presente exercicio.

Para o conxunto do Estado español, os nacementos nos oito primeiros meses de 2022 caeron 0,92%, e as mortes, até a semana 39 —finais de setembro—, incrementáronse en 4,12% tomando como referencia 2021.

Así as cousas, na comparativa co ano previo á irrupción da pandemia, a nivel estatal os nacementos descenderon 8,25% e as defuncións aumentaron até 11,6%.

A poboación galega segue a minguar

Esta actualización dos rexistros de nacementos e defuncións chegan unha semana despois de que o propio INE estimase nas súas Proxeccións de Poboación 2022-2072 que a Galiza perderá case 35.000 habitantes de aquí ao ano 2037.

Deste modo, o país ficaría entre os territorios do Estado español que perderán poboación nos próximos 15 anos, con Castela e León (-96.888 habitantes), Asturias (-66.921 habitantes) e Estremadura (-50.996 habitantes) á cabeza. A Galiza sería cuarta nunha listaxe que fechan Ceuta (-7.327 persoas) e Melilla (-2.571 persoas). O resto gañarían poboación neste período.