Nace "Xornalistas Galegas" para integrar a perspectiva de xénero nos medios

IMG_8322

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolleu este sábado o encontro en que se creou o colectivo Xornalistas Galegas, que nace co obxectivo de integrar a perspectiva feminista no xornalismo.

A integración da perspectiva de xénero no xornalismo e a defensa das mulleres de todos os ámbitos das ciencias da comunicación. Estas son as principais finalidades de Xornalistas Galegas, colectivo que naceu este sábado en Compostela após a manifestación masiva do 8 de marzo.

 

A presenza de máis de 40 mulleres nas dúas reunións previas ao encontro deste sábado e o apoio de case 200 profesionais son a carta de presentación dun colectivo que presentou o manifesto “Por un xornalismo feminista”, que insiste na necesidade dun “xornalismo colectivo e solidario que aúne forzas para o ben común” e que apela a un “xornalismo implicado co feminismo e a igualdade real”.

 

Ademais de denunciar que as xornalistas padecen unhas condicións profesionais e laborais que “perpetúan a desigualdade de xénero dun xeito que consideramos inasumíbel”, o colectivo anuncia que realizará “unha vixilancia feminista” dos contidos dos medios.

 

Contactos a nivel estatal

 

Aínda que nada en Compostela, a organización acordou estabelecer contactos “con outros colectivos feministas doutras comunidades autónomas” e informa de que “tres integrantes galegas participaron activamente na reunión de ‘Las periodistas paramosdo día 2 de xuño en Madrid”.

 

O acto de presentación de Xornalistas Galegas decorrerá á volta do verán.