Nace 'Xeración Alfa', revista cultural impresa en lingua galega para a mocidade

Reportaxes, entrevistas, pasatempos, axenda... todo o contido cultural xuvenil en 'Xeración Alfa' (Foto: Nós Diario).
'Nós Diario' achegará unha nova publicación todas as terzas feiras de maio.

O próximo mes de maio nace Xeración Alfa, a primeira revista cultural impresa en galego para público mozo. Por iniciativa de Sermos Galiza S.A., e en colaboración co Concello de Pontevedra, o mes das Letras Galegas énchese de contidos culturais vencellados á música, ás redes, aos podcasts, aos libros, ao deporte, aos videoxogos...

Desde reportaxes sobre sexualidade até saúde mental, pasando polo emprego das novas tecnoloxías nos videoxogos e na intelixencia artificial e até o veganismo e o consumo sostíbel. Con fontes como Laura Veiga (Pingando.gal) ou Iria Veiga (Raíña vermella) para ilustrar estes temas e entrevistas a algunha das figuras máis relevantes do panorama cultural galego como poden ser Fillas de Cassandra, Belén Puime, Meiga-i, Bruno Arias, Olaxonmario e moitas outras voces que se unen á colaboración con este proxecto para achegar á rapazada un contido en galego xuvenil e de calidade. 

Así, decenas de persoas dedicadas ás artes e á creación de contidos únense para colaborar nestes catro números especiais nos que tamén queda oco para falar sobre como iniciarse no mundo da música, a artesanía, o audiovisual ou o teatro e nos que en cada número unha recoñecida persoa dentro do panorama das redes sociais encargarase de marcar as recomendacións musicais, audiovisuais e literarias da semana. Así, Pradorrúa ou Gabri Fuertes serán algúns dos encargados dos imperdíbeis deste mes das Letras. 

Nas terzas feiras

Ao longo das 16 páxinas de cada número, que sairán cada terza feira de maio acompañando Nós Diario e sen ningún tipo de importe adicional sobre o prezo habitual do xornal, haberá oco tamén para os pasatempos e a axenda cultural máis fresca, chea de concertos, teatro, humor, exposicións... 

Así mesmo, a incerteza do futuro agarda esclarecerse nas catro reportaxes especiais nas que se achega parte da oferta educativa nas diferentes ramas do coñecemento. Desde artes até humanidades pasando pola oferta formativa en ciencias sociais e ciclos e FP. Ao mesmo tempo, referentes en música, podcast e redes sociais tamén terán tempo de explicar a situación actual da lingua no seu sector e reflexionar sobre as súas potencialidades. 

A revista tamén repara no fenómeno neofalante e en algunhas das súas referencias, como a cineasta vasca Jaione Camborda, gañadora de varios premios Mestre Mateo pola película O Corno, ou o youtuber estadounidense Andy Chichester. 

Todos estes contidos irán acompañados de pequenos vídeos que se subirán ás redes para ilustrar algunhas das pezas e pór rostro ás referencias culturais e lingüísticas da xeración alfa (nadas a partir de 2010). Unha xeración que conta agora cunha revista que amosa a variedade e pluralidade de contidos culturais que se están a facer no país, pondo en valor un contido elaborado na súa maior parte pola mocidade e para a mocidade.

Todo isto a través dunha linguaxe fresca e un achegamento próximo que configura un espazo para aprender e entreterse neste mes das Letras Galegas e no que papel e dixital unen forzas na creación dun espazo para a rapazada da casa.


Xuventude, creación e tendencias, número a número

Na primeira entrega, a terza feira 7 de maio, Xeración Alfa afondará en cuestións como as repercusións da pornografía, a creación artesanal, o drag, o fenómeno neofalante ou a formación en artes. A segunda semana de maio será a quenda da saúde mental, a creación de contido, o futuro do audiovisual, as ferramentas para iniciarse na música, a oferta humanística de estudos ou os deportes. Será no terceiro número que veganismo e literatura convivirán coa potencialidade do podcast ou o a creación audiovisual, con información educativa para a área de ciencias. Finalmente, no último número a intelixencia artificial, a industria do videoxogo, os referentes no teatro galego ou os consellos para iniciarse na escritura serán os protagonistas, con información adicional sobre a oferta en formación profesional.