Nace SOS Monte Pindo como proxecto de voluntariado cidadán para recuperar o Olimpo Celta

Critican o desleixo e incompetencia da Xunta. E chaman a se sumar ao proxecto a todos aqueles e aquelas interesados en “traballar pasiño a pasiño para devolver á vida o Monte Pindo”.

Esta sexta feira, 1 de novembro, Día de Defuntos foi o elixido para o nacemento de SOS Monte Pindo, un proxecto “civil” e “voluntario” para sumar forzas, achegas, ideas, anceios...coa finalidade de recuperar o Olimpo Celta. Unha iniciativa que xorde ante “o desleixo e a traizón” dunha administración que non soubo defender este patrimonio natural.

A páxina sos.montepindo.org é a ágora na que se disporá a información sobre o proxecto, “e na que calquera persoa que poida colaborar de calquera xeito coa recuperación do Monte Pindo poderá facelo”.

“Desde o día cero da catástrofe a Xunta abandonou á nosa sorte a veciños, medio ambiente e tecido produtivo, negándose unha e outra vez a dispoñer do fondo de emerxencias da Xunta ou cando menos de calquera outro investimento resarcitorio á veciñanza directamente prexudicada polo incendio e as súas consecuencias, rexeitándose a aceptar coma interlocutores tanto a veciñanza coma ao propio Concello de Carnota”.

Actuacións e propostas

Entre as actuacións e posíbeis medidas a desenvolver, desde esta iniciativa achegan varias: Semente de gramíneas de crecemento rápido, estabelecemento de barreiras vexetais nas pendentes máis pronunciadas e próximas a cursos fluviais, zonificación e deseño do proecto de repoboación... Mais son iso, achegas, unidas a moitas outras. Para debater, valorar e, desde a solidariedade e cooperación cidadá, desenvolver.