Nace Rede Aberta, unha empresa para acabar coa fenda dixital no rural

O despregamento da infraestrutura comezará por Chantada, Taboada, Silleda e Caldas de Reis.
A nova mercantil Rede Aberta, con sede en Compostela, márcase como obxectivo empresarial chegar a 400.000 fogares en catro anos,

A sociedade mercantil Rede Aberta, con sede en Compostela, nace para levar fibra óptica ao medio rural galego para uso residencial e empresarial naqueles territorios e lugares onde aínda non chegou, co fin de que os operadores de telecomunicacións poidan prestar servizos de banda larga de fibra. O obxectivo, sinala a nova firma, é chegar a 400.000 fogares en catro anos, financiado polo fondo de investimento Connecting Europe Broadband Fund (CEBF). 

O despregamento inicial da infraestrutura comezará por Chantada, Taboada, así como Silleda e Caldas de Reis. 

"Rede Aberta é unha compañía interesada en fomentar o desenvolvemento tecnolóxico do medio rural galego. Hoxe é imposíbel traballar no campo en calquera ámbito agropecuario se non se dota de servizos tecnolóxicos de primeiro nivel, exactamente igual que nas cidades e nos núcleos urbanos. Por suposto, a industria do tipo que sexa instalada no medio rural tamén precisa de banda larga e internet de calidade. Agora que tanto se fala, pola Covid-19, de volver ao medio rural, cómpre aproveitar a oportunidade", advirte Manel Pazo, presidente da nova compañía. 

Enxeñeiro pola Universidade de Vigo, Pazo posúe, segundo destaca a empresa, formación en alta dirección de empresas polo IESE Business School e unha dilatada traxectoria profesional no ámbito enerxético e eólico. 

Como pon de relevo, á poboación que vive en contornas distintas das metropolitanas, como as rurais, "debe terse en conta, procurando mellorar o seu benestar".

"Por iso cómpre artellar medidas específicas para os territorios despoboados que faciliten o desenvolvemento de novos proxectos profesionais, o acceso en igualdade de condicións a servizos públicos, a fixación de poboación e a atracción de talento, así como un uso sostíbel dos recursos", conclúe.