Saúde

Unha pandemia silenciosa: nace a primeira biblioteca de bacterias resistentes a fármacos antimicrobianos

Germán Bou, xefe do servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. (Foto: Nós Diario)
As infeccións resistentes aos antibióticos ameazan con converterse na primeira causa de morte no mundo en 2050. Detrás deste problema global de saúde están as superbacterias, patóxenos capaces de burlar un gran número de fármacos até o de agora eficaces.

A Klebsiella pneumoniae ocupa un lugar privilexiado na primeira biblioteca estatal de xenoma de bacterias resistentes aos antibióticos. Esta base de datos, denominada Incredble, recolle información procedente de 41 hospitais de 13 territorios do Estado, entre eles a Galiza,   cuxo estudo correspondeu a persoal investigador do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña baixo a dirección  de Germán Bou, xefe de servizo Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

En colaboración co Centro Nacional de Análise Xenómico (CNAG) de Barcelona, o grupo de microbioloxía do Inibic analizou perto de medio millar de cepas resistentes aos antibióticos, 37 enviadas desde hospitais da Coruña, Ferrol, Lugo e Pontevedra. De cada unha obtivo o seu perfil xenómico completo mais tamén información adicional: microbiolóxica, clínica e xeográfica, "o que nos permitiu situar cada bacteria resistente nun hospital concreto, determinar que infección provocara e con que perfil de resistencia".

Preocupación mundial

Segundo explica Germán Bou a Nós Diario, o obxectivo deste estudo era desenvolver un instrumento capaz de recompilar información sobre os mecanismos polos que as especies da familia das enterobacterias adquiren resistencia aos antibióticos e facela accesíbel de forma sinxela. "A resistencia aos antibióticos está subindo practicamente en todos os microorganismos, pero hai algúns máis preocupantes que outros. Uns dos que máis interesan son as enterobacterias produtoras de carbapenemasas, que é o grupo no que nos centramos, tamén por ser un dos obxectivos prioritarios da OMS".

Tras analizar todas as mostras, destaca a prevalencia da Klebsiella pneumoniae (72% das cepas secuenciadas) seguidas da Enterobacter cloacae e Escherichia coli. Son patóxenos que habitualmente "colonizan o ser humano" e que conviven con nós sin xerar clínica ningunha. "Adoitan vivir no intestino. O que sucede é que cando recibimos ciclos de antibióticos ou nos ingresan, nos poñen unha vía vías ou rompen mucosas estas bacterias aloxadas na microbiota intestinal replícanse, multiplícanse, e acaban chegando a sitios estériles onde xeran unha infección", explica Bou.

Co tempo e as condicións adecuadas estes patóxenos resistentes "acaban dando a cara"  a través dunha infección urinaria, respiratoria ou do torrente sanguíneo. "As manifestacións clínicas son moi variadas".

Abuso de antibióticos

O consumo abusivo de antibióticos contribúe a mudar o material xenético das bacterias, que se fan máis fortes e resistentes aos fármacos antimicrobianos: antibióticos, antivíricos, antifúnxicos e antiparasitarios, que deixan de ser eficientes no tratamento de infeccións, aumentado o risco de complicacións.

"A resistencia aos antibióticos é algo natural na vida, é parte da evolución biolóxica e non pode evitarse. O que si podemos facer é minimizar ou diminuír a velocidade de aparición da resistencia".

Asegura Bou que non hai unha única causa que explique a maior resistencia das bacterias aos antibióticos. "É un problema holístico". Mais o uso inadecuado destes fármacos non axuda. "É importante usalos correctamente tanto no ámbito hospitalario como a nivel de saúde animal e medio ambiente", onde moitas veces se usan sen que estean indicados e mesmo consentidos.

Pandemia silenciosa

A multirresitencia das bacterias aos antimicrobianos é un problema de saúde pública, "non dun hospital concreto". Segundo afirma Germán Bou, está catalogado como unha "pandemia silenciosa", porque non chama a atención nin ocupa portadas. "Parece que non existe, pero todos os días hai persoas que se infectan e que poden morrer".

É por iso que as autoridades chaman a investigar os mecanismos de resistencia aos antibióticos; a localizar, identificar e a facer seguimento de cada patóxeno resistente. Unha iniciativa que sitúa A Coruña "líder en investigación biomédica e microbioloxía", conclúe Bou.