Nace a plataforma Vigo polo Clima

Cartaz co lema 'Non hai planeta B' nunha das mobilizacións de 'Fridays for Future'. (Foto: Nicola)
Os colectivos integrantes inciden na necesidade de "apostar nunha cidade sostíbel", ao tempo que acusan o Goberno local de adoptar "políticas urbanísticas contrarias" aos obxectivos climáticos.

Con motivo da celebración esta sexta feira, día 23, da xornada de Acción Global polo Clima, convocada por Fridays for Future-Mocidade polo Clima, diferentes colectivos veciñais e ecoloxistas en Vigo converxen para dar paso á plataforma Vigo polo Clima.

"O pleno municipal aprobou hai xusto tres anos unha declaración de emerxencia climática impulsada polas mobilizacións masivas de setembro de 2019, pero a día de hoxe o Concello non adoptou ningunha das medidas comprometidas para facer fronte a esta situación", lamentan, a través dun comunicado.

Así, entidades como a Asociación de Afectados polo Vial de Beade (Avibe), Ecoloxistas en Acción, Verdegaia, Vigo Ciclábel, Bembrive en Pé, Greenpeace ou Amigos da Terra inciden na necesidade de "apostar nunha cidade sostíbel".

Entre outras cuestións, reclaman máis —e máis amplas— zonas verdes na cidade e "pacificar" o tráfico co obxectivo de "pór a vida no centro". "E para iso é imprescindíbel actuar desde os barrios e as parroquias, atendendo as necesidades do rural vigués, o noso pulmón verde", precisan.

Ao mesmo tempo, acusan o Goberno local de ter adoptado neste tempo "políticas urbanísticas contrarias" a estas metas, como a eliminación de masa arbórea do casco urbano, a degradación do litoral "coa urbanización para ricos de Cabo Estai", a construción do vial de Beade ou o túnel da porta do Sol, nun espazo "que debería formar parte da futura zona de baixas emisións".

"Ante o desleixo das administracións, ten que ser a cidadanía autoorganizada a que loite por combater as causas do cambio climático, á vez que presiona para conseguir medidas efectivas", subliñan desde os colectivos que integran a plataforma.

A asemblea constituínte de Vigo polo Clima decorrerá esta sexta feira contra as 19.45 horas na porta do Sol, previa presentación en público, na Aula D-Escola de Deseño, da Guía municipalista da activista climática, cun obradoiro sobre "como facer fronte á emerxencia climática desde o local" a partir da experiencia da entidade Barrios polo Clima de Córdoba.