Nace a plataforma Galiza pola Paz e convoca mobilizacións contra a guerra
"Ante as chamadas a máis escalada militar e a un confronto aberto vemos necesaria unha aposta clara pola paz e creamos este espazo, a Plataforma Galiza pola Paz", explicou Marta Romero, unha das portavoces do novo colectivo, que nace da experiencia da plataforma Galega contra a OTAN. "Este é un espazo aberto, queremos que sexa o máis plural posíbel e facemos un chamamento á sociedade a participar nel", manifestou a Nós Diario Romero. Unha organización "aberta a todos os que entenden que o militarismo non leva a ningures", concluíu.
A primeira convocatoria da nova plataforma xa ten data, o 9 de abril. Galiza pola Paz chama a sociedade a se sumar ás concentracións convocadas na sete cidades galegas a partir das 19.30 horas. Na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra serán ante as delegacións e subdelegacións do Goberno español; en Vigo ante o Marco, en Ferrol na praza Vella e en Compostela na praza Roxa. Unhas mobilizacións que procuran plasmar o rexeitamento da sociedade galega ao "militarismo, a OTAN e a guerra".
Óscar Valadares, outro dos portavoces da plataforma, denuncia a "vía da militarización a través do medo" impulsada pola Unión Europea, con discursos mesmo dunha "ameaza de invasión rusa" do territorio europeo.
"A política do medo e pola porta de atrás", manifestou Valadares, que criticou que se aprobe o investimento de 800.000 millóns de euros en armamento á marxe de calquera debate social ou ar voz á opinión pública. "É unha cifra de diñeiro que non existiu para afrontar a grave crise económica de 2008 ou a pandemia da Covid, uns cartos que implica detraer fondos de sanidade, de educación ou dos servizos sociais", afirmou.
O papel da Galiza
O discurso belicista e as súas consecuencias, advertiu Valadares, tamén teñen efectos na Galiza, ao estar na OTAN –"non temos soberanía para decidir ao respecto"—. Así, apuntou que no país hai "instalacións funcionais á OTAN", citando os aeródromos de Lavacolla (Compostela) e Rozas (Lugo), o porto de Ferrol, ou as bases de Marín e Figueirido. "Todas elas a disposición desa máquina de agresión que é a OTAN", denunciou.
Tamén rexeitou "a entrega dos recursos naturais do noso país á industria militar", citando que os minerais de terras raras da serra do Galiñeiro, de Valdeorras ou de Doade, en Beariz, deben servir, en todo caso, "para o desenvolvemento do pobo galego, e non para nutrir a maquinaria da guerra imperialista".
O manifesto da plataforma fai unha apelación directa "ao pobo traballador galego a non deixarse engadar polo discurso belicista" e a "manter unha posición pola paz e abertamente anti-OTAN, pulando pola súa disolución, e exixir a non participación do Estado español en calquera plataforma destas características".