Nace por segunda vez na Galiza un bebé san dunha nai con coronavirus

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
A Galiza rexistrou xa dous nacementos de nenos sans, cuxas nais estaban afectadas polo coronavirus.

Lucas naceu san no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. A súa nai está afectada polo coronavirus, mais el non. Fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) indicaron que o nacemento tivo lugar o pasado 19 de marzo, cando se practicou unha cesárea á nai tras o seu ingreso no hospital.

Nai e fillo continúan no Cunqueiro e evolucionan favorabelmente, aínda que non estiveron en contacto, pois a muller permanece illada debido ao contaxio pola COVID-19 e, poo de agora, só puido ver a súa crianza en fotografías. É o segundo caso dun bebé san ao que deu a luz unha muller co virus na Galiza.

O primeiro foi Fabio, un neno nado días antes no mesmo hospital a cuxa nai, que permanece illada, tamén se lle practicou unha cesárea.