Nace a Asociación de Medios en Galego: Once cabeceiras na defensa do idioma no sector

A nova entidade xorde con once medios en papel, electrónicos ou radiofónicos para “garantir a pervivencia do idioma e e procurar vías de financiamento que garantan o sustento dos media en galego”
 

Once medios de comunicación (Radiofusión, Valminor.info, Novas da Galiza, Praza Pública, Galicia Confidencial, Sermos Galiza, Certo, Que Pasa na Costa, O compás da Costa, Tempos Novos e a Nova Peneira) presentaron a Asociación de Medios en Galego, unha nova entidade que ten como obxectivo organizarse para manter e potenciar o galego, garantir a pervivencia da lingua nos medios, traballar pola dignificación do xornalismo e procurar vías de financiamento que garantan a súa sustentabilidade.

Os representantes dos distintos medios destacaron a necesidade de traballar xuntos para loitar pola supervivencia do galego nun tempo de crise no que, ademais, a Xunta de Galiza, “dalle ás costas aos medios que usan esta lingua”

A asociación xurdiu a raíz da campaña Vitaminas para o galego. Unha iniciativa que naceu en decembro de 2011 e que ao longo do pasado ano suscitou un importante apoio cidadán, que demostrou a sensibilidade existente na sociedade galega a respeito destas cuestións. 

A forza do galego

Esta asociación (na que tamén pediu o ingreso os xornais A Voz de Vilalva e Cadernos de Comunicación e Análise, quere “reforzar os medios de comunicación en galego, coa creación efectiva dun espazo galego de comunicación, como plataforma de defensa da identidade común. Un espazo que promova novas fórmulas de presenza da lingua e cultura galegas en Europa e no mundo e antes de nada en Galiza”. 

Nova Lei de Publicidade Institucional

Outra das finalidades desta nova institución de defensa do galego é abrir canles de diálogo coas distintas administracións públicas, partidos políticos e organizacións profesionais para analizar a actual situación dos medios en galego e artellar unha nova Lei de Publicidade Institucional que teña en conta todo o espectro dos medios que usan este idioma. Tamén, representará ao sector e actuará diante das administracións locais, provinciais, nacionais e estatais en todo aquelo quen afecte aos medios de comunicación en galego.