Cadea humana pol@s pres@s independentistas a véspera do Día da Patria

Co xuízo de Madrid como pano de fondo, cuxa sentenza podería coñecerse o 24 ou mesmo o Día da Patria Galega, Ceivar convoca a sexta acción contra a criminalización do movemento independentistas e pola soberanía da Galiza cara á construción dun Estado propio


O colectivo antirrepresivo Ceivar vén de facer pública a convocatoria á cadea humana en prol da liberdade dos seis cidadáns galegos presos e submetidos á dispersión en aplicación da lexislación antiterrorista.

Para alén da "repatriación" dos militantes independentistas Antom Santos, Roberto R. Fialhega 'Teto', Eduardo Vigo, Carlos Calvo, Xurxo R. Olveira e Hadriam Mosqueira 'Senlheiro', con esta acción reivindicativa Ceivar pretende "a suspensión" da "excepcionalidade" que rodea os procesos abertos contra o movemento independentista. 

O xuízo en Madrid e a iniciativa GpS, dous puntos chave este ano

No albo da convocatoria, dúas cuestións. Dunha banda, o xuízo que os días 24 e 25 de xuño sentou no banco d@s acusad@s da Audiencia Nacional española a Santos, Fialhega e Vigo canda a veciña de Becerreá María Osorio, un proceso que quedou visto para sentenza. Segundo puido saber Sermos Galiza, está previsto que a resolución xudicial se daría a coñecer ora o 24 de Xullo ora no propio Día da Patria Galega. 

Seis independentistas presos, doce cidadá(n)s baixo a lexislación antiterrorista

Cómpre recordar que, para alén dos seis independentistas que fican presos, tres deles sen seren xulgados e os outros tres sen estaren condenados, son outras seis as persoas ás cales se lle aplicou a lexislación antiterrorista, malia que agardan en liberdade ben por unha sentenza --caso de María Osorio-- ou para seren xulgados --están nesta situación Hector Naia 'Koala' e Júlio Saians.

A que se resolva o recurso que presentou contra a sentenza derivada do seu xuízo está o sindicalista Telmo Varela; e hai outras dúas persoas en Vigo que foron imputadas por "encubrimento" dunha acción de violencia política acontecida o 4 de agosto de 2012 no Monte Sampaio, en Vigo, onde un artefacto explosivo causou danos materiais na antena dunha empresa andaluza subministradora de banda larga.

Pola liberdade dos presos e polos dereitos humanos

A mobilización deste ano, como se veu facendo desde 2008 realizarase na véspera do Día da Patria, o 24 de Xullo, e arrincará ás 18h da Praza de Galiza.

A chamada vai dirixida "a todos os sectores nacionalistas, soberanistas e independentistas" así coma a toda a cidadanía "comprometida coa defensa dos dereitos humanos". Para se desenvolver, o acto conta coa autorización da delegación do Goberno español na Galiza.