'Aquí non casa nin deus': Na Galiza xa só o 30% dos matrimonios se realizan pola igrexa

Imaxe. Bodamás

En apenas unha década, a opción maioritaria até entón (o rito católico) pasou no noso país a ser minoritaria. O 67% dos matrimonios son polo civil.

Os matrimonios celebrados exclusivamente pola vía civil son xa o 67% dos que se realizaron en Galiza. Dun total de 8.720 enlaces que houbo no noso país en 2014, 5.856 foron por esta vía fronte a 2.831 (32%) que optou pola vía de celebración católica e 33 (0,4%) que o fixo de acordo cos preceptos 'doutras relixións'. Uns dados que, comparados cos de hai menos de 10 anos, amosan o impartante cambio operado en Galiza en canto a este tipo de cuestións, 'secularizándose' o matrimonio.

O 2008 foi o último ano en Galiza no que houbo máis matrimonios celebrados 'pola igrexa' (5.947) que polo civil (4.812). Desde entón, o matrimonio sen oficio relixioso foi aumentano aos poucos até supoñer xa case 7 de cada 10 que se realizan no noso país.

En 2010, as unións que se facían polo civil eran o 54% (5.292 dun total de 9.707), e en 2012 xa pasaban ser o 61%. Dous anos despois, a porcentaxe era xa do 67,2%.