“Na esquerda queda aínda moito por facer para conseguir a igualdade real entre homes e mulleres”

Unhas xornadas en Ourense debaten sobre a importancia do feminismo para construír outra Europa. Organizadas por AGEe e o grupo GUE/NGL do Parlamento europeo. Contará coa presenza de diversas relatoras para falar de cuestións como o ecofeminismo ou os micromachismos.

Ourense acolle a partir desta sexta feira unhas xornadas internacionais de formación para mulleres baixo o título 'O feminismo, imprescindíbel para construír outra Europa” e que están organizadas por Alternativa Galega de Esquerdas en Europa e polo Grupo confederal de Esquerda Unitaria europea e Esquerda verde nórdica (GUE/NGL). As xornadas serán abertas e comezarán a proia sexta feira, 18 de novembro ás 16:30 horas, cunha inaguración a cargo da eurodeputada Lídia Senra . “Observamos como na esquerda queda aínda moito por facer para conseguir a igualdade real de dereitos entre os homes e as mulleres”., afirma Senra.

Nas xornadas haberá servizo de gardería de crianzas para todas aquelas mulleres que desexen levar as súas fillas ou fillos, previa petición deste servizo enviando un mail a age.europa.galiza@gmail.com. O primeiro coloquio é “Teoría de redes de acción: Introdución aos feminismos”, da man da doutora en Filosofía e Semiótica, profesora da Universidade de Vigo, Saleta de Salvador Agra, que será introducida pola deputada de En Marea no Parlamento galego Paula Verao.

A segunda charla impartiraá a filósofa ecofeminista Alicia Puleo sobre “Ecofeminismo para outro mundo posible”. O sábado terá lugar unha palestra de Eliane de Moura Martins, militante do Projeto Popular para o Brasil e doutoranda en Socioloxía pola Universidade Federal do Río Grande do Sul (Porto Alegre), sobre “Concibindo e construíndo o feminismo popular para facerlle fronte á colonialidade, ao capitalismo depredador e a todas as formas de neomachismos”.

Rosa Álvarez, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, falará sobre “Micromachismo: Cimentando o patriarcado”. Xa o sábado pola tarde, terá lugar o último debate, que baixo o título de “Acción social desde o feminismo. Exemplos de experiencias de traballo desde diferentes organizacións”, reunirá a Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Eva Bastón e Tania Merelas, de Fiadeiras, grupos de traballo en igualdade de xénero dentro do Colexio Profesional de Educadoras e Educadores Sociais de Galiza, e Eva Gutiérrez, da Plataforma ProCAPD, en defensa dun centro público de atención a persoas con diversidade funcional para a provincia de Ourense.