Análise

Me(n)dicando o tempo

Ante tanta falta de tempo, a medicación convértese nunha solución parcial e insuficiente. (Ilustración: Álex Rozados).
A psicóloga clínica Rosa Cerqueiro continúa a serie de análises de 'Nós Diario'.

Medicando o tempo. Ou sendo máis precisa, medicando a falta del.

Hai uns días saía publicado o Barómetro Xuvenil 2021 da Fundación FAD Xuventude. Alertan do elevado consumo de psicofármacos na mocidade, ata un 25% entre os 15 e 29 anos no último ano. 

A prescrición de ansiolíticos, hipnóticos, antidepresivos e opioides indica unha mala saúde física e mental na poboación, estando Galicia por riba da media estatal

O consumo de psicofármacos está en incremento constante desde hai moito tempo. A Axencia Española do Medicamento xa advertira un aumento, entre os anos 2000 e 2012/13 dun 57% no consumo de ansiolíticos e hipnóticos, e dun 200% dos antidepresivos. Desde entón, non deixou de subir en ningún momento. Cuestión aparte é o aumento exponencial no consumo de fármacos opioides para a dor. 

Non son quen de valorar a pertinencia ou adecuación da prescrición destes medicamentos. Indica, en calquera caso, unha mala saúde física e mental na poboación, estando Galicia por riba da media estatal. 

Vou a utilizar o marco "tempo" para acercarme a unha análise dos posibles motivos (non únicos) deste aumento de psicofármacos, xa desde idades moi novas. Ou como dicía ao inicio, da falta del.

Fálase moito da escola inclusiva, pero non será factible se mantemos as ratios actuais de alumnado por aula

Falta de tempos libres na infancia. Tempos para xogar, compartir ou descansar. A falta de tempo das persoas adultas incide nas crianzas. Moitas coidadoras traballan longas xornadas por un salario que apenas cubre as necesidades mínimas. Noutras ocasións, as tardes convértense nunha carreira de fondo entre actividades extraescolares, só pena de restar oportunidades ao seu futuro neste mundo tan competitivo.

Falta de tempo de dedicación personalizada na escola. Fálase moito da escola inclusiva, pero non será factible se mantemos as ratios actuais de alumnado por aula, se seguimos coa mesma dotación de profesorado desde hai máis de 12 anos e non se da estabilidade ao profesorado de atención á diversidade para poder realizar un proxecto curricular con perspectiva de futuro. O profesorado, Anpas e sindicatos levan anos alertando das deficiencias e falta de inversión no ensino público. Vai quedando atrás alumnado que precisaría de máis tempo e recursos. Afortunadamente, as taxas de abandono temperá foron reducíndose ata o 8% actual en Galicia. Pero tamén se coñece que hai menor abandono escolar nos períodos de crises económicas. O reto será conseguir que esta continuidade académica non sexa circunstancial.

Falta de tempo para decidir sobre os proxectos vitais futuros, polos salarios baixos, a precariedade nos empregos e o paro

Falta de tempo para desfrutar aprendendo. Non teño elementos de análise suficientes para valorar o sistema ABAU, pero hai moita rapazada que pasa os dous anos de bacharelato nunha tensión constante e cun medo ao fracaso tales que aniña unha identidade excesivamente marcada pola hiperesixencia na imaxe corporal, nas eleccións de vida, na sociabilidade e nos roles de xénero. E o escape do malestar a través dos trastornos de alimentación, as autolesións e as condutas autolíticas.

Falta de tempo para decidir sobre os proxectos vitais futuros, polos salarios baixos, a precariedade nos empregos e o paro. Estas son as principais preocupacións sinaladas pola mocidade no Barómetro da FAD. Tamén expresan expectativas pesimistas sobre a posibilidade de mellora. Un futuro desolador, presaxian. E sen espazo propio. A idade media de emancipación está nos 29 anos.

E podendo e querendo formar unha familia (aos 32 anos de media), está a falta de tempo por exceso de tarefas: traballo remunerado, traballos de coidados e do fogar. Especialmente nas mulleres (duplican ou triplican os problemas de ansiedade e depresivos, e tamén de prescrición de psicofármacos, con respecto aos homes), que tamén teñen mais problemas para atopar un traballo de calidade, con salario digno e a tempo completo. Hai unha renuncia constante ao tempo de descanso e desfrute persoal. 

Ansiedade e vellez

Nas idades avanzadas non mellora a situación. A prevalencia de trastornos de ansiedade e depresivos é máxima. Tamén dos trastornos de sono (en tempo e calidade). Moitas mulleres seguen a ter falta de tempo para si mesmas, encargándose do coidado de familiares e da casa. As enfermidades, as perdas, a soidade non desexada ou medo a ser unha carga son preocupacións que con frecuencia declaran ter, e que lles fan pensar, erroneamente, que son unha perda de tempo para os demais. 

Tempos de espera de meses, con 10.000 persoas esperando para unha primeira consulta de saúde mental; tempo de duración das consultas, tanto en Atención Primaria como en Saúde Mental

E na base, con maior frecuencia da que pensamos, están as violencias, abusos e discriminacións. Con todo este malestar que se vai acumulando, acudimos aos servizos sanitarios. E de novo os problemas de tempo: tempos de espera de meses, con 10.000 persoas esperando para unha primeira consulta de saúde mental; tempo de duración das consultas, tanto en Atención Primaria (recordamos a plataforma 10 minutos?) como en Saúde Mental; tempo entre consultas (tamén poden ser de meses, e se é de menos soen ser porque as profesionais estiran o tempo das súas axendas, con calzador). 

Sendo tanta a falta de tempo, a medicación convértese nunha solución parcial e insuficiente ante unha demanda que non para de medrar desde hai xa demasiados anos.