DíA INTERNACIONAL CONTRA A MXF

A mutilación xenital feminina: o horror de 200 millóns de nenas e mulleres

[Imaxe: Unicef]

O último informe de Unicef cifra en 200 millóns o número de nenas e mulleres vítimas da mutilación xenital feminina en 30 país. A metade dese total céntrase en tres países: Exipto, Etiopía e Indonesia.

Este sábado conmemórase o Día Internacional contra a Mutilación Xenital Feminina. Con motivo desta xornada reivindicativa, Unicef publicou un estudo con dados actualizados nos que se recolle que, cando menos, 200 millóns de nenas e mulleres foron vítimas da mutilación nunha trintena de países. A metade dos casos céntranse en tan só tres países: Exipto, Etiopía e Indonesia.

Desde 2008, máis de 15.000 comunidades de 20 países acordaron abandonar a mutilación xenital feminina e cinco países aprobaron leis que a criminalizan, aínda así as cifras que achega Unicef resultan preocupantes.

No cumio das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Sustentábel, que tivo lugar en decembro, 193 países aprobaron estabelecer o ano 2030 como meta para eliminar esta tortura á que son sometidas nenas e mulleres e que atenta contra os dereitos humanos.

Que implica?

A mutilación xenital feminina conleva a resección e o dano do tecido xenital normal e san. Entre as súas complicacións atópanse a dor intensa, a hemorraxia, o tétanos, a sepse, a retención de ouriños e profundas lesións dos tecidos xenitais, amais de quistes, infeccións urinarias recorrentes, esterilidade ou complicacións do parto.

Tamén provoca coitos e menstruacións dolorosas e o aumento da susceptibilidade ao contaxio do VIH e da hepatite.