Un museo que salta por riba de barreiras, muros e arames

Presentación do proxecto no Museo Etnolóxico de Ribadavia o pasado 20 de abril

Museo Aberto é un proxecto do Museo Etnolóxico de Ribadavia para reflexionar sobre a utilidade destes como espazos de integración

Ao abeiro do programa Museo Aberto, o departamento de educación e acción cultural (DEAC) do Museo Etnolóxico de Ribadavia bota a funcionar os proxectos Lembrar no Museo, Museo no cárcere e Vémonos no espello. Os tres traballarán, respectivamente, coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR), coa cadea de Pereiro de Aguiar e coa Cruz Vermella O Ribeiro.

 

Aínda que os proxectos xa naceran de forma individual anos antes, acaban converxendo no programa Museo Aberto en 2009. As actividades realizadas afondan na utilización dos museos como espazos de integración social e na promoción da eliminación gradual de barreiras entre as persoas integradas, excluídas e precarias.

 

“Pensamos que era importante chegar a estes públicos que son menores e que moitas veces non interesan”, explica Rosa Lama, bibliotecaria do Museo Etnolóxica e coautora do libro sobre o Museo Aberto. A vontade de aproximar o museo a estes colectivos cumpre non só unha función social, senón que axuda tamén a ampliar o patrimonio etnográfico da propia institución.

 

Por exemplo, no caso do cárcere de Pereiro de Aguiar, o proxecto desenvolveuse ao longo de tres anos (2009-2012), con visitas semanais ao longo de períodos de tres meses. Unha vez superadas as medidas de seguridade, as técnicas do museo traballaron con distintos grupos de presos que elaboraron a súa propia exposición. “Foi un traballo moi etnográfico, contábannos moitas cousas porque non había ningún funcionario a controlarnos, era un espazo con moita liberdade onde se sentiron valorados”, apunta Lamas.

 

No caso das usuarias de AFAOR e da Cruz Vermella, o labor de Museo Aberto era indivisíbel do apoio das psicólogas, traballadoras sociais e voluntarias. “Cada proxecto ten unha avaliación diferente, mais en conxunto foi positivo para o propio museo e para os participantes grazas á retroalimentación entre todos, é terapéutico para eles e útil para nós”, sinala a bibliotecaria.

 

Recoñecementos e galardóns

 

No programa traballaban especialistas de diferentes ámbitos: unha antropóloga da Universidade de Vigo, persoal técnico do Museo Etnolóxico, psicólogas, traballadoras sociais, funcionarios de prisións… Este tratamento transversal á hora de achegar a institución museística a públicos e colectivos excluídos foi recoñecido ao longo dos anos. En 2012, obtivo o recoñecemento cunha Mención de Honra no III Prêmio Ibero-Americano de Educação e Museus do Programa Ibermuseos e xa forma parte do Banco Iberoamericano de Buenas Prácticas en Acción Educativa. Tamén destaca a implicación de Museo Aberto en distintas xornadas e congresos.

 

Un libro que reúne as experiencias do proxecto

 

O programa, que fechou no ano 2012 por causa da crise e o consecuente descenso orzamentario, foi resumido nunha publicación trilingüe (galego, castelán e inglés) que dá conta de todo o traballo realizado ao abeiro do proxecto. O Museo difundiu o libro a través de dúas presentacións públicas, en Ribadavia cunha mesa redonda de profesionais e en Santiago de Compostela, co gallo do Día Internacional dos Museos.

 

De cara ao futuro do proxecto, Lamas amósase optimista e destaca a pequena partida orzamentaria destinada a Museo Aberto por parte da Consellaría, e que podería abrir a porta a reiniciar o programa nun futuro próximo.