O Museo Pedagóxico exhibe os mapas españois que marxinaron a xeografía galega nas escolas

A exposición “O mundo nas mans, cartografía escolar dos séculos XIX e XX” que está aberta até o 31 de decembro no Museo Pedagóxico de Galiza, en Santiago de Compostela, contén 66 pezas que, agás excepcións, dan conta de materiais empregados na materia de Xeografía para dar a coñecer as características do territorio galego de xeito subordinado a España.

Na contextualización da mostra esquecen o mapa de Ojea, que no século XVI recoñece a identidade de Galiza como tal unidade xeográfica e que serviu de inspiración para os dos séculos posteriores. Este mapa, de sona internacional na época, mesmo aparece no “Theatrum Orbis Terarum” na edición feita en Amberes en 1612. No ano 1603, Ojea deixoulle ao Conde de Lemos a “Descrición do Reino de Galiza” para a súa impresión.

 

En 1692, Giacomo Cantelleda Vignola inclúe un mapa de “Il Regno de Galicia” no atlas denominado “Mercurio Geográfico”, que alcanzou unha gran difusión internacional. Tamén é destacada a omisión do mapa de Tomás López publicado en 1784 con edicións facsímiles con métodos de gravado e impresión innovadoras para a época. Chamábase “Mapa Xeográfico do Reino de Galiza, que contén as antigas provincias de Santiago, A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui e foi reproducido, difundido e usado durante todo o século XIX, segundo consta na publicación “Cartografía de Galiza 1522-1900”. Mais a exposición do Museo Pedagóxico silencia estes materiais que singularizan o noso ámbito xeográfico para enxalzar en número os publicados con afán centralizador español.

 

Se ben se expoñen a Carta Xeométrica de Galiza, de Domingo Fontán; os traballos de Xosé María Crespo Rodríguez, que editou “Nocións de Xeografía de Galiza” en 1916; un mapa de Río Barja de Galiza en relevo de 1985; e algunha anécdota máis como a existencia dunha fotografía escolar que en troques do habitual mapa de España usa de fondo un mapa de Galiza, a gran maioría das pezas exhibidas relegan o estudo de Galiza para aprender as características dos territorios de España. Tanto é así que o alumnado memorizaba as descricións de ríos, montes, cabos e nomes de provincias de España cando non se dedicaba apenas tempo ao estudo da xeografía local e galega, como unha negación e menosprezo do coñecemento do propio territorio.

 

Na traxectoria histórica, a mostra comeza coa fundación do Instituto de Pontevedra (1845), cando se adquiren materiais para o estudo da Xeografía e da Historia e coa memoria do Instituto de Monforte correspondente ao curso 1859-1860, onde xa figura entre o seu equipamento unha colección de mapas e esferas.

 

Segundo se explica no museo, a Exposición Universal de Londres de 1862 foi crucial para o desenvolvemento dos mapas para uso escolar, pois alí se amosaron materiais diversos para as aulas como esferas e mapas en relevo, entre outros. Na década de 1880 comeza a chegar unha boa parte dese material e distribúense as coleccións de mapas de xeografía española nas escolas, indistintamente da súa localización.

 

Tamén fai referencia ás escolas de americanos fundadas polas Sociedades Galegas de Instrución Ultramarina, nas que estaba xeneralizada a presenza de materiais para a didáctica da Xeografía e da Historia. Daquela, decoraban as paredes as esferas terrestres, os planisferios, os mapas físicos e políticos de todos os continentes, así como de España, da provincia e do concello aos que pertencía o centro de ensino. Isto era común ás escolas todas, mais xurdiron mapas de Galiza e dalgúns de países americanos, con predominio dos de Cuba e da Arxentina.

 

Como exemplo das escolas de ferrado, na mostra sitúan Xosé Núñez López, interesado pola Xeografía e documentan o uso de dous atlas, xa que carecía de mapas murais, para amosarlles aos nenos e nenas os puntos cardinais, os ríos e as montañas.

 

Destacan tamén o Esquema de Xeografía e Hidrografía de Galiza (1909) cun mapa en relevo premiado na Exposición Rexional do mesmo ano, realizado por Vicente Fráiz Andón en colaboración do escultor e profesor Rafael de la Torre Mirón.

 

A mostra complétase con pezas variadas como unha colección de fósiles, minerais, telescopios, esferas, globos terráqueos e celestes, mapamundis, dioramas xeomorfolóxicos, un planisferio político coas razas humanas e as densidades de poboación, o mapa de España e Portugal e das súas colonias, entre outras.

 

Na década de 1970 a editorial Seix Barral publicou unha colección de mapas de España dos máis espallados nas aulas de Galiza, que estaba impreso polas dúas caras, unha delas dedicada ao mapa físico e a outra ao político, que reflicte a España do tardofranquismo, isto é, a España das rexións, moitas delas extintas ou configuradas pola nova realidade que chegaría coa democracia: a España das Autonomías, segundo recolle o catálogo da exposición.

 

 

 

 

 

 

Imaxes:

 

1- Fotografía do curso 1948-49 no Barqueiro, Mañón (A Coruña)

2.-Caderno de rotación 1957-1958, Santa María de Cuíña, Oza-Cesuras (A Coruña)

3.- Mapa xeográfico do Reino de Galiza, de Tomás López, difundido nos séculos XVIII e XIX

4.- Mapa das colonias de España e Portugal