Muras reparte 64.000 euros entre a a veciñanza para axudar a pagar a factura da luz

Aeroxeradores en Muras (Nós Diario)

O seu alcalde, Manuel Requeijo (BNG), adoptou esta decisión pola tardanza doutras axudas. A medida chegará a máis de 70% da súa poboación.

O concello de Muras distribuirá, por cuarto ano consecutivo, os ingresos que recibe en concepto de ter aeroxeradores instalados no seu municipio. Este ano as axudas ao pago da factura da luz para os habitantes censados en Muras ascenden a 64.312,26 euros.

Este ano a novidade foi que se incrementou a cantidade máxima a recibir, até os 600 euros, unha proposta do alcalde que contou co respaldo unánime do pleno da Corporación. Nesta convocatoria, beneficiáronse 162 unidades familiares, o que supón unha cobertura de máis de 70% da poboación.

Concello libre de pobreza enerxética

Un total 29 familias levaron 600 euros, unha cantidade suficiente para facer fronte á factura da luz, que desde hai vinte anos non deixa de subir, chegando a incrementarse en máis de 80% .

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo (BNG) mandou que se axilizara o pago das axudas da luz, polo que a diferencia doutros anos, as transferencias executaron con máis antelación en vista da tardanza das escasas axudas existentes e do incremento do desemprego.

“Seguimos consolidando un proxecto que ademais de eliminar a pobreza enerxética do noso municipio, conciencia á sociedade de que a riqueza xerada polos recursos naturais, que son de todos, debe repartirse”, explica Manuel Requeijo.

Plan para as entidades locais

O rexedor de Muras indicou que “a COVID-19 está provocando unha gran crise económica, que está tendo uns efectos devastadores, sobre todo coas miles de persoas que quedaron sen traballo” polo que cre que “o Goberno do estado debería incrementar e axilizar as axudas aos sectores da poboación máis desfavorecidos, e a Xunta debería aprobar algunha medida que realmente sexa útil e sirva para que as pequenas empresas comecen a recuperarse”.

Sinala que “a caixa dos concellos dá para o que dá” e “os distintos gobernos seguen sen acordar un plan para as entidades locais acorde a súa realidade e sen cambiar os criterios de reparto da participación dos ingresos do Estado”.