Municipios e provincias exixen a Xunta poder decidir sobre as restricións polo coronavirus

Unha praia fechada polo coronavirus. (Foto: Europa Press)

O Goberno galego reafirma que se “extremará a vixilancia” para evitar concentracións nas rúas, prazas e parques, que teñen que fechar en horario nocturno os concellos. Ante esta obriga, a Fegamp solicita ter voz no estabelecemento de novas medidas. Tamén quere un papel similar a Delegación do Goberno español na Galiza.

Ante a contestación dalgúns concellos ao respecto da nova imposición por parte da Xunta para controlar o incremento dos contaxios da Covid-19, o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, incidiu nesta sexta feira en que as prohibicións son firmes e está previsto que se aumente “a vixilancia” tanto no lecer nocturno como nos espazos públicos que se encargou fechar aos municipios. Ante esta situación, a Federación Galega de Municipios (Fegamp) demanda que se lle permita ter un papel activo nas decisións.

“Se somos os que temos que controlar, o lóxico é que participemos activamente”, espetou o presidente do organismo, Alberto Varela. Houbo un encontro de coordinación do que saíu un novo chamamento á responsabilidade das galegas e galegos.

Varela garantiu que os gobernos locais da Galiza traballarán para “tratar de chegar a todo o que se pide desde a Administración autonómica, no que respecta ao control de parques, praias e outros espazos públicos”.

Mais, neste contexto pediu ser “partícipes” de todo o proceso, algo que tamén demanda a Delegación do Goberno do Estado español no país.

“Se somos os que temos que controlar, o lóxico é que non só sexamos receptores da mensaxe, senón que participemos activamente e que se nos escoite para ver se podemos controlar todo o que se nos está a pedir”, comentou o dirixente da Fegamp.

Dúbidas en Lugo e avances en Vigo

De feito, a recomendación case obrigada do Executivo galego está a causar certas dúbidas no seo dalgúns gobernos municipais. O voceiro da corporación de Lugo, Miguel Fernández demandou “un pouco máis de concreción” respecto ás directrices estipuladas pola equipa de Alberto Núñez Feixoo.

“Non podemos falar de fechar os parques como se só a determinación por si mesma xa garantise algún resultado. Nin todos os recintos son iguais, nin tampouco moitas veces pola súa dimensión ou características resulta posíbel”, alegou.

Mentres o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou a súa intención de prohibir o tránsito entre a zona alta da rúa Loriga e as prazas de Portugal e Montero Ríos esta fin de semana. A limitación será desde as 21 horas até as 7 da madrugada.