Unha multitudinaria manifestación de 5.000 persoas percorre Viveiro en defensa da sanidade pública
As rúas de Viveiro, na comarca da Mariña, acolleron este domingo unha mobilización en defensa da sanidade pública. Os asistentes á manifestación reclamaron un cambio de rumbo na política sanitaria do Goberno galego.
A marcha, que partiu ás 12 horas da oficina da Cruz Vermella da cidade do Landro, reuniu a persoas procedentes de todos os concellos da comarca, que nunha xornada de choiva responderon á convocatoria da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña.
A mobilización tiña como obxectivo denunciar os recortes sanitarios aplicados pola Xunta da Galiza nos diversos niveis asistencias do distrito sanitario da Mariña, que presta atención a perto de 70.000 persoas.
A voceira da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, Montse Porteiro, sinalou a Nós Diario “unha destrución e deterioro da sanidade pública a pasos axigantados”, exemplificado na falta de persoal.
Porteiro alertou da falta de recursos humanos do hospital da Mariña. Neste sentido, referiuse ao caso de Cardioloxía, onde só temos un especialista e dúas prazas baleiras, cando precisariamos polo menos unha dotación de seis profesionais na zona e temos tido temporadas sen ningún”.
A falta de persoal no Hospital da Mariña
A CIG, que preside a xunta de persoal do hospital da Mariña, alertou da situación crítica “en servizos como Medicina Interna, Uroloxía, Cardioloxía, Dixestivo, Dermatoloxía, Radioloxía por falta de persoal que provoca suspensión de consultas, aumento das listas de espera e derivacións a Lugo para probas diagnósticas, cirurxías e ingresos”.
O sindicato considera que a falta de profesionais “non se debe tan só a escaseza dos mesmos, e así atopámonos con categorías nas que existe moita dispoñibilidade, pero o Sergas négase a incrementar o cadro de persoal como acontece, entre outras categorías coas técnicas de Farmacia ou servizos como o paritorio que se atopa sen dotación de TCAE”.
Os problemas sanitarios na Mariño déixanse notar, tamén, en Atención Primaria. Nesta caso, Porteiro puxo como exemplo Viveiro, onde “tería que haber 11 médicos e médicas, pero sempre hai a metade e temos até un mes de agarda para unha consulta e mes e medio para unha analítica”.
Os recortes en Atención Primaria
A CIG denunciou, tamén, o “desmantelamento da Atención Primaria con falta de recursos humanos e materiais”. Nesta dirección, reclamou “dotar de pediatras a todos os centros de saúde da Mariña” e cubrir as vacantes.
A voceira da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, Montse Porteiro, denunciou ao remate da manifestación a privatización da sanidade, asegurando que “esta comarca non vai permitilo. Saíremos á rúa para reclamar o que é un dereito, non asumimos que o PP siga privatizando a sanidade das persoas e creando desigualdade”.