Manifestación en defensa da sanidade pública

Unha multitude percorre Compostela ao berro de “Feixoo, menos Madrid, escóitanos aquí”

[Imaxe: Galiza Contrainfo] Manifestación da sanidade en Compostela

Unha maré de persoas respondeu á convocatoria de SOS Sanidade Pública contra os recortes sanitarios e contra a precarización. Feixoo, deslocado a Madrid para participar na manifestación de PP, Ciudadanos e Vox contra o Goberno de Pedro Sánchez, foi o gran protagonista das consignas que se berraron en Compostela.

Milleiros de persoas ateigaron a praza da Quintana, en Compostela, onde recalou a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública contra os recortes da Xunta de Galiza en materia de sanidade, contra a precarización á que se ven sometidas as profesionais e contra a privatización do servizo.

 

A marcha partía pasadas as 12 horas da Alameda de Compostela tras a faixa que rezaba “Sanidade Pública en Perigo”. As consignas máis coreadas tiveron o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, como protagonista. Ademais das alusións ao seu desprazamento a Madrid, onde participa da manifestación da ultradereita española contra o Goberno de Pedro Sánchez –“Feixoo, menos Madrid, escóitanos aquí” ou "E co lío que hai aquí, Feixoo está en Madrid–, escoitouse “Feixoo atende, a sanidade non se vende". Tamén houbo espazo para as reivindicacións do sector das ambulancias.

 

En declaracións aos medios, Manuel Martín, portavoz da plataforma, que nunha recente entrevista con Sermos Galiza advertía de que o dereito á sanidade na Galiza está condicionado polos recortes do Goberno de Feixoo, denunciou que “toda a cidadanía e traballadoras e traballadores sanitarios están en rebelión porque é inadmisíbel que un bo sistema sexa desmantelado polo afán de Feixoo de dar unha oportunidade ás multinacionais privadas que están a desembarcar na Galiza”.

 

Isabel Risco:  "As grandes multinacionais sanitarias viron na Galiza unha oportunidade de negocio e contan coa colaboración dese gran comercial que é Alberto Núñez Feixoo"

 

Na Quintana foi a actriz Isabel Risco quen se encargou de recibir ás miles de persoas que conseguiron acceder á praza, "a Organización Mundial da Saúde e as revistas máis prestixiosas recoñecían que este era un dos mellores sistemas sanitarios do mundo e agora está a ser derrubado aos poucos para deixar espazo ao sector privado", sinalaba Risco, "co obxectivo de deixar espazo ao sector privado". "As grandes multinacionais sanitarias viron na Galiza unha oportunidade de negocio e contan coa colaboración dese gran comercial que é Alberto Núñez Feixoo", denunciaba a actriz, que concluía salientando que a loita é "o camiño" e "a solución".

 

O portavoz de SOS Sanidade Pública puxo o foco na escaseza de traballadoras e traballadores da saúde e na súa distribución desigual e chamou a tomar medidas a respecto dos custos crecentes da atención sanitaria, que levan á exclusión. Esta situación, denunciou, "deixa en situación de desatención as persoas máis vulnerábeis, como as estranxeiras en situación administrativa regular e irregular, as persoas maiores de 65 anos, as mulleres embarazadas, as menores e as que precisan atención urxente".

 

Manuel Martín reivindica  "a cobertura universal dun sistema público, gratuíto, de calidade e accesíbel a todas as persoas"

 

Martín reivindicou "a cobertura universal dun sistema público, gratuíto, de calidade e accesíbel a todas as persoas". Citou tamén os conflitos laborais que se viven no sector das ambulancias, nas urxencias e nos PAC e chamou a recuperar "os profesionais que están fóra do sistema sanitario galego".

 

Nesta liña, o portavoz da plataforma expuxo que un dos capítulos máis "deteriorados" nos últimos anos é o de "persoal", ante a masificación e ante os contratos que duran "días, semanas e mesmo horas" no Sergas. Isto, dixo, levou a que "por vez primeira todos os colectivos da sanidade estean mobilizados".

 

Após denunciar as condicións laborais de que traballan en precario na sanidade pública, reclamou un servizo de Atención Primaria en pé de igualdade coa sanidade especializada, tempos de consulta suficientes para garantir a calidade da atención á poboación enferma, abrir unha mesa de diálogo entre administracións, responsábeis políticos e sindicais e a negociación directa coa xente dos PAC e dos responsábeis dos servizos das urxencias".

 

Martín finalizou a súa intervención berrando contra a privatización do sistema sanitario e reivindicando un plan para mellorar a atención primaria e hospitalaria e a fin dos "recortes do PP". 

 

Coa manifestación deste domingo, a plataforma SOS Sanidade Pública denunciou que coa escusa da crise, o Goberno de Feixoo recortou desde 2009 "un 20% o gasto sanitario, suprimiu máis de mil prazas de persoal e 500 camas hospitalarias". O resultado dos tesoirazos: a "ocultación das listas de agarda", a masificación na Atención Primaria, con máis de 60 pacientes por médico ao día, o deterioramento dos PAC, o colapso das urxencias e a dimisión dos xefes de Servizo de Vigo.

 

E Feixoo, en Madrid

 

Máis de vinte colectivos e plataformas participaron da mobilización, na que tamén toman parte os líderes dos principais partidos da oposición: Luís Villares (En Marea); Gonzalo Caballero (PSdeG) e Ana Pontón (BNG), que criticaron o presidente da Xunta por acudir a Madrid en lugar de atender as demandas do pobo galego.

 

Villares afirmaba, "mentres Feixoo pasea nunha marcha convocada por falanxistas en Madrid, unha maré humana maniféstase en defensa da sanidade pública, mellores servizos, mellor atención, non máis recortes, recursos suficientes en atención primaria e en hospitais e contra o recorte na sanidade".

 

Gonzalo Caballero, pola súa parte, insistía en que "o presidente da Xunta debería estar gobernando Galiza en vez de poñerse a disposición de Casado e o seu pacto coa ultradereita".

 

Ana Pontón, que pediu a dimisión do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, subliñou que "Feixoo ten moi claro onde quería estar hoxe, en Madrid, con ese trifachito do PP, Ciudadanos e Vox, abrazando un discurso de extrema dereita, en contra dos intereses de Galiza" e da "idea rancia e carca do Estado español que comparte coa ultradereita".

 

 

[A imaxe da portada é de @outes]