''Os moitos recursos renovábeis da Galiza non resolven o problema da dependencia enerxética''

Conversamos con Xoán Doldán, presidente da asociación Véspera de Nada, ao redor do teito do petróleo, da dependencia enerxética do noso País e as estratexias para saírmos dela. O sistema enerxético actual está en crise e, nestas circunstancias, mudar a nosa maneira de vivir e consumir "tórnase inevitábel".





Para @s que non coñecemos moito ao redor do teito do petróleo, o peak-oil, cales son os perigos da dependencia do petróleo? 

Pois o principal perigo ten a ver coa natureza do petróleo. Trátase dun combustíbel fósil, como o carbón ou o gas natural, e, por tanto, dun recurso non renovábel. No modelo enerxético actual, os motivos polos que, ano a ano, aumentou a disposición desta enerxía foron o descubrimento de novos xacementos e os avances tecnolóxicos para extraer a maior profundidade e en lugares menos accesíbeis, como os fondos mariños. 

 preciso repensar a estrutura das cidade para volver á vida en proximidade"

Construíuse así unha economía en que o transporte depende case absolutamente do petróleo, ao igual que unha parte significativa da produción de alimentos ou outros procesos produtivos. Mais a nosa pericia e as nosas técnicas non poden evitar que diminúa a cantidade de petróleo futura. A medida que incrementamos o noso esforzo na procura deste recurso redúcese a taxa de retorno enerxético, é dicir, que cada vez necesitamos máis enerxía para obter a mesma cantidade de enerxía. 

Está daquela en crise o sistema enerxético actual?

Está, porque o petróleo de maior potencial enerxético, menos contaminante e de máis fácil acceso, xa está descuberto ou esgotado; o tamaño dos novos xacementos fica moi lonxe dos do pasado; a súa extracción é moito máis complexa e cara; e trátase dun petróleo de peor calidade e máis contaminante.

"A nivel mundial chegamos xa ao teito máximo da capacidade de extracción de petróleo convencional, que cubre a práctica totalidade da nosa demanda"

Ademais, en consecuencia co que vén acontecendo en todos os pozos petrolíferos, a nivel mundial chegamos xa ao teito máximo da capacidade de extracción de petróleo convencional, que cubre a práctica totalidade da nosa demanda. Nestas condicións a mudanza de modelo enerxético tórnase inevitábel.

É a primeira vez en que nos atopamos con que o aumento da demanda non pode solventarse incrementando as extraccións? 

É a primeira vez que isto sucede a nivel mundial. En momentos e lugares concretos houbo restricións na oferta petrolífera de modo que a demanda non ficaba cuberta, mais isto explicábase por condicionamentos técnicos, mercantís, políticos ou xeoestratéxicos. 

Na actualidade a explicación fundamental é de tipo xeolóxico: levamos utilizado aproximadamente a metade de todo o petróleo dispoñíbel no planeta e que marca un máximo na capacidade de extraccións. Desde que se iniciou o que algúns denominan 'a era do petróleo', a finais do século XIX, é a primeira vez que nos encontramos nunha situación semellante. Estamos diante dun cambio de tales proporcións que mesmos poderiamos cualificalo de civilizatorio.

Fala da relación que existe entre o crecemento económico e o consumo de enerxía.

Así é. Se trazamos en paralelo un gráfico coa evolución do consumo enerxético e do PIB mundial nos dous últimos séculos a coincidencia é case total. A finais do século XVIII, o modo de produción capitalista convértese en hexemónico en diversos países, particularmente europeos e, posteriormente, coa expansión colonial destes, acabou por converterse en hexemónico a nivel mundial.

"A voracidade do sistema foi tal que moi pronto nin a enerxía nin os materiais de orixe renovábel dos que se dispoñía a nivel local foron suficientes"

A voracidade do sistema foi tal que moi pronto nin a enerxía nin os materiais de orixe renovábel dos que se dispoñía a nivel local foron suficientes, polo que foi preciso procuralos noutros lugares ou botar man daqueles de carácter non renovábel. En poucas décadas os recursos minerais e os combustíbeis fósiles pasaron a ser os máis demandados. 

No caso da enerxía, a primeira expansión industrial logrouse co uso masivo do carbón. A medida que a necesidade de enerxía era maior e que o transporte de materiais primas e mercadorías requiría de cantidades crecentes de enerxía, o petróleo pasará a ocupar o primeiro lugar, máis aínda cando se populariza e estende o uso do automóbil privado como forma de transporte de persoas. 

Fica claro que o obxectivo último é transformar o modelo enerxético. Cal sería o cambio recomendábel na Galiza? 

A construción dunha nova economía perdurábel será necesariamente a que se faga sobre unha base renovábel e, por sorte, Galiza conta cunha multiplicidade de recursos enerxéticos renovábeis. Algúns deles están explotados industrialmente (enerxía hidráulica e eólica), outros só ocasionalmente ou en pequenas experiencias individuais (biomasa ou solar). Sendo este un bon principio non resolve os problemas enerxéticos aos que nos enfrontamos.

Co nivel de demanda enerxética actual somos unha economía netamente dependente. Esta dependencia é absoluta nos combustíbeis para transporte e é elevada nos combustíbeis utilizados para obter calor pola tendencia que houbo durante décadas a cubrir estas necesidades con derivados do petróleo e gas natural. Mesmo unha parte da electricidade que utilizamos depende de enerxía previamente importada (carbón ou gas natural). Aínda no caso de que se deixase de exportar electricidade, non se resolverían os problemas da dependencia enerxética. 

"Co nivel de demanda enerxética actual Galiza é unha economía netamente dependente"

E como se resolverían?

Cómpre reformularmos de raíz o carácter de gran transformador enerxético en que se ten convertido a economía galega. Non podemos seguir sendo grandes demandantes de enerxía primaria fósil para logo exportar esa enerxía transformada, en forma de derivados de petróleo ou electricidade, mentres soportamos a degradación ambiental asociada á transformación e participamos no espolio de recursos a terceiros países. 

Tampouco podemos seguir pensando en converternos en sustentadores de actividades industriais absolutamente insustentábeis e que contribúen a unha maior insustentabilidade da economía galega, tanto polas consecuencias ambientais que se derivan disto como polo feito de que isto aumenta aínda máis o noso grao de dependencia enerxética. 

En definitiva, os recursos renovábeis galegos deberían ser utilizados para promover unha nova economía que procure resolver as necesidades específicas da poboación galega, ademais isto debería ir acompañada dunha democratización no acceso á enerxía que, no caso das renovábeis e polo seu carácter disperso, debería implicar que as familias, as aldeas, as comunidades de veciños, explotacións agrarias... deberían avanzar na súa capacidade de autoabastecemento enerxético, en detrimento do modelo de grandes complexos enerxéticos fomentado até agora, dominado por oligopolios e que procuran o beneficio privado e non o benestar colectivo.

Que cousas se poderían facer desde o ámbito político para promover esta transformación? Estanse facendo? 

En tanto que a ordenación da economía depende en grande medida das decisións tomadas desde diferentes ámbitos da administración, ou da lexislación aprobada nos diferentes parlamentos, esta transformación veríase favorecida de existir unha acción positiva desde o ámbito político. 

Por desgraza,  a perpetuación do status quo faise coa conivencia do poder político e non cabe agardar moito del. Na Galiza, a nivel local, só o concello de Teo quitou adiante unha declaración institucional a favor da necesidade desta transición enerxética e unhas incipientes medidas nese sentido. 

"Os recursos renovábeis galegos deberían ser utilizados para promover unha nova economía que procure resolver as necesidades específicas da poboación galega"

Vostedes propoñen medidas como a redución da xornada laboral a 4 días para reducir os desprazamentos. Pode explicar este punto e concretar algunha achega máis das que contempla a guía? Por exemplo no referido ao urbanismo ou á vivenda.

A nosa guía diríxese sobre todo a individuos, grupos, familias, pequenas empresas ou concellos galegos que estean interesados en informarse sobre o problema do teito do petróleo e que busquen ideas sobre como iniciar unha transformación enerxética. Non é o noso obxectivo principal promover medidas a realizar desde o goberno ou o parlamento galegos. 

No entanto, consideramos que a redución da xornada laboral a 4 días serviría para reducir rapidamente unha parte importante do consumo enerxético do transporte, xa que a nosa sociedade ten avanzado nunha separación progresiva dos lugares de residencia, traballo, consumo e lecer que obriga a un continuo tráfico de automóbiles. 

No ámbito urbanístico, é preciso repensar a estrutura das cidade para volver á vida en proximidade, fomentando a instalación de paneis solares nos edificios, miniturbinas eólicas e outros sistemas de autoabastecemento enerxético, así como promover o illamento das vivendas, o alugamento de casas baleiras e protexer as terras de cultivo xerando grandes espazos produtivos accesíbeis aos seus habitantes. Tamén se debería facilitar a conformación de ecoaldeas.

Poden encadrarse estas medidas dentro do decrecentismo? 

Non nos propuxemos que as medidas se axustasen especificamente ás propostas que habitualmente fan os defensores do decrecemento, mais os nexos son evidentes. A transición enerxética obriga a unha redución da demanda enerxética e a unha transformación radical da organización económica e social nunha dirección coincidente con moitos dos obxectivos decrecentistas. Por outra parte, as teorías decrecentistas parten, entre outras moitas consideracións, da evidencia do peak-oil e da alteración climática polo uso abusivo dos combustíbeis fósiles. 

"Os nexos das nosas achegas con aquelas que defende o decrecentismo son evidentes"

O libro... aínda non é libro, non si? Como vai a procura de colaboracións e a elaboración dos contidos? Que orzamento barallan? 

O documento está redactado e corrixido, aínda que estamos a facer unha segunda revisión xeral e someténdoo ao escrutinio de persoas que, desde fóra da asociación Véspera de Nada, traballan nestes temas e son referentes amplamente recoñecidos. Todo indica que en poucas semanas estaremos en disposición de editar a versión definitiva. 

Para facelo con unha calidade satisfactoria e a un prezo económico necesitamos xuntar 4.250 euros. Como somos unha asociación sen ningún tipo de axuda pública e, sendo coherentes co espírito da propia guía, consideramos que era necesario convertelo nun proxecto colectivo.

Así que chegará a termo coa colaboración de quen queira e poida facer unha pequena contribución a cambio do envío dunha copia da guía. Para isto, estamos a facer unha campaña que está a funcionar moi ben no blog e nesta plataforma Verkami.