Prohibido ouriñar no mar: estas son as infraccións que poderías cometer nas praias de Vigo e Sanxenxo

Praia do Vao, en Vigo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
A multa pode ascender a 750 euros, se ben non se especifica como poden identificar as autoridades unha persoa que estea a ouriñar na auga.

O pasado ano o Concello de Vigo aprobou a ordenanza municipal reguladora do uso dos areais, unha norma que recolle até 14 infraccións leves, 17 graves e oito moi graves sobre o comportamento nas praias da cidade olívica.

Mais foi nestes últimos días cando se fixo 'viral' nas redes sociais, logo de que medios como The Times (Reino Unido) ou Le Parisien (Francia) mostrasen a súa sorpresa por un documento que, entre outras medidas, prevé multas económicas de até 750 euros por ouriñar na praia, quer no areal quer no mar, considerado unha falta leve.

"Ouriñar baixo estreita vixilancia. Quen non se deu o luxo de mexar na auga, a escasos metros da praia? Unha práctica habitual e que, porén, agora está prohibida en Vigo", reza o artigo publicado no xornal francés.

No documento, de feito, non se explica como poderían as autoridades identificar as persoas que estean ouriñando no mar para proceder a sancionalas con base nesta nova ordenanza.

Sanxenxo, Marín e Bueu tamén o sancionan

A pasada semana o Concello de Sanxenxo seguiu os pasos de Vigo e aprobou recentemente a súa propia ordenanza para o uso dos seus areais, un texto no que se recolle a mesma medida: "Queda prohibida a evacuación fisiolóxica no mar ou na praia".

Desde o Goberno local porén, afirmaron que se fomentará a instalación de aseos públicos "nas zonas onde for posíbel", co obxectivo de tentar evitar que os ouriños rematen na auga de baño.

E a mesma norma recollen en cadansúa ordenanza os municipios de Marín e Bueu, con multas económicas que roldan os 750 euros que se impoñen nos areais de Vigo.

Prohibido "reservar" sitio

Aliás, nas praias de Sanxenxo, un municipio especialmente frecuentado por turistas durante o período estival, a partir de agora tampouco se pode "reservar" un sitio na area deixando moi cedo o parasol ou a toalla.

Límites á música

Tampouco se poderá reproducir música nin tocar instrumentos nos areais de Sanxenxo sempre que se superen os 45 decibelios durante o día e os 35 pola noite.