Multas para os manifestantes contra a inauguración da ampliación de Rande

O BNG critica que sexan sancionadas "as persoas que denuncian unha inauguración fraudulenta e mesmo ilegal de obras inacabadas”.

O BNG denuncia que o Ministerio de Interior está enviando expedientes sancionadores a militantes nacionalistas que participaron no acto de protesta contra “a farsa de inauguración” o pasado 30 de decembro  das obras inacabadas da ampliación da ponte de Rande. Un acto presidido polo presidente do goberno español e polo presidente da Xunta.

 

“A día de hoxe, resulta evidente que a apertura dos novos accesos de Rande foi precipitada co único fin de beneficiar á concesionaria, -a costa da seguridade dos traballadores e dos propios usuarios-, dando a Audasa luz verde para subir unhas peaxes que o Bloque considera unha estafa legalizada, e que se aplican nun país que ten os segundos salarios máis baixos do Estado”, denuncian desde o BNG.

 

.O Bloque anuncia que recorrerá as multas. “É o mundo ao revés que sexan sancionadas as persoas que denuncian unha inauguración fraudulenta e mesmo ilegal de obras inacabadas”.