Multan con 30.000 euros o Concello por vertidos contaminantes á Lagoa de Cospeito

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil impuxo a sanción após a denuncia de Adega en outubro de 2013. As verteduras, procedentes da antiga depuradora, afectaron o humidal protexido e realizáronse sen autorización.

 

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) sanciona o concello de Cospeito por infrinxir a Lei de Augas ao contaminar o Río Guisande, que desemboca no espazo protexido da Lagoa grande de Cospeito, con vertidos de augas residuais; svén de informar Adega. Estas augas residuais procedían da antiga depuradora municipal situada na parroquia de Sistallo. Segundo a Confederación, os vertidos que afectaron ao humidal protexido foron realizados sen a preceptiva autorización do organismo e tiveron lugar nunha zona declarada húmida de especial protección, alén de ser zona de especiais valores naturais, Lugar de Interese Comunitario e Rede Natura.

Os feitos que derivaron neste expediente sancionador foron denunciados pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza e o Seprona en outubro de 2013. Tras esta denuncia o Concello de Cospeito presentou alegacións que a Confederación considerou irrelevantes para o obxecto do expediente sancionador, que finalmente resolveu contra o concello impoñéndolle unha multa de 26.611,16 euros, máis unha indemnización polos prexuízos xerados de 3.991,68 euros.

Adega considera que a Confederación Hidrográfica tamén constatou que as augas residuais mesmo contiñan contaminantes perigosos, como o amonio, poñendo en perigo a rica biodiversidade do humidal