Multa de 3.600 euros a 15 manifestantes por berrar que 'a garda civil tortura e asasina'

[Imaxe: SG]

O ministerio fiscal considera que a manifestación que o 12 de outubro de 2010 reclamou en Arteixo que se esclarezan as circunstancias da morte de Diego Viña no cuartel do corpo armado nesta localidade da Coruña se pronunciaron frases constitutivas dun delito de "inxurias á garda civil".


O xulgado de instrución nº7 da Coruña vén de abrir xuízo oral contra estas persoas a instancias do ministerio fiscal. Impútalles un delito de "inxurias á garda civil" en relación ao protesto acontecido en Arteixo o 12 de outubro de 2010.

Aproveitando a homenaxe que a benemérita brindaba á virxe do Pilar en Arteixo, concentráronse máis un ano ás portas da igrexa para reclamar unha investigación ao redor das causas da morte do preso Diego Viña en 2004 no cuartel desta localidade coruñesa.

Familiares e amizades de Viña entenden que o mozo non se suicidou, como sinala a versión oficial. O seu pantalón, prenda que tería empregado para tal obxectivo, non apareceu nunca e as cámaras de videovixilancia dos calabozos estaban apagadas no momento dos feitos, tal e como recoñece o escrito de acusación presentado pola fiscalía. Malia as reiteradas peticións de que se esclareza o acontecido, realizadas ben desde a propia familia ben desde a Comisión para a Denúncia de Galiza, tales circunstancias fican sen estar claras.

Imputadas tres familiares do preso

'Non foi suicidio, que foi asasinato', 'Aquí se tortura, coma na ditadura' ou 'A garda civil tortura e asasina' foron algúns dos berros que @s manifestantes proferiron contra @s axentes da benemérita e por eles o ministerio fiscal reclama unha multa de 3.600 euros a 15 persoas. Considera que estas frases, pronunciadas nun contexto de repulsa pola morte de Viña contra quen, segundo a Comisión para a Denúncia, é o corpo responsábel, constitúen un delito de "inxurias á garda civil". 

Entre as persoas imputadas están unha irmá, unha tía e unha curmá do preso falecido. Desde Esculca, o observatorio polos dereitos e as liberdades, cualifican esta actuación da fiscalía como "unha nova e arbitraria limitación do dereito de reunión e á liberdade de expresión".

''Parsimonia persistente'' á hora de esclarecer os feitos

Subliñan que esta disposición a enxuizar 15 persoas contrasta "de maneira rechamante" coa "persistente parsimonia" que rodea a investigación da morte por esganamento de Viña o 22 de setembro de 2004, namentres ficaba custodiado no cuartel da garda civil de Arteixo.

As sancións derivadas desta concentración que se realiza cada ano diante da Nova Igrexa da localidade coruñesa son frecuentes. Á espera de seren xulgad@s están tamén vari@s manifestantes por un delito de "detención ilegal" imputado na mobilización de 2009, por pechar durante uns minutos a porta do devandito edificio. 

Diego Viña foi detido após unha denuncia presentada polo seu propio pai, ex garda civil, por un delito de malos tratos. O proxenitor foi acusado dun delito de "denuncia falsa" nun caso instruído pola titular do xulgado nº5 da Coruña, quen abriu tamén procesamento por "detención ilegal" contra @s gardas civís que o prenderon.