As tituladas teñen traballos menos estábeis e cobran menos malia na universidade ter mellores notas e finalizar os estudos antes que eles

Máis da metade das persoas universitarias no Estado español son mulleres (55%). Teñen mellores notas e rematan os seus estudos antes que os seus compañeiros varóns. Porén, só 46% delas teñen 4 anos despois de graduarse contrato indefinido por un 60% dos homes. Ademais, cobran case 10% menos. E non, non se debe á elección de titulacións, pois esta desigualdade mantense con independencia dos estudos que cursaran.

55% dos 1,3 millóns de estudantes que fixeron un grao nas universidades no Estado español durante o curso 2018-2019  eran mulleres. Tamén eran mulleres 60% das novas persoas tituladas. Elas, as mulleres, chegan á universidade mellor preparadas: nota media de 8,89 fronte ao 8,57 dos homes. Eses bos resultados mantéñense durante os estudos universitarios: elas teñen unha taxa de rendemento (porcentaxe de créditos superados sobre os avaliados) 10 puntos superior á dos homes; gradúanse con mellor expediente (7,34 elas e 7,05 eles) e acaban en menor tempo: 43% finaliza a titulación no tempo teórico previsto, algo que só logran 24% dos homes. As porcentaxes varían segundo os estudos mais en todos eles, agás Física e Química, as universitarias gradúanse máis rapido.

Son datos do estudo realizado polo BBVA e IVIE (Instituto Valenciano de investigacións económicas), un traballo que indica como malia chegar as mulleres á universidade máis preparadas e obter mellores resultados e rematar os estudos en menor tempo que os homes, isto non se ten en conta no mercado laboral.

Desigualdade

Os dados de afiliación á Seguridade Social e de inserción laboral das persoas tituladas no curso 2013-2014 permiten comprobar esa realidade. Permiten comparar diferentes aspectos da situación laboral das persoas graduadas universitarias que, con independencia do posto que ocupan, parten da mesma formación. En todos eles as mulleres presentan unha situación peor, tanto ao ano de se graduar como pasados 4 anos.

As mulleres teñen unha taxa de afiliación de 45,5% un ano despois de rematar os estudos, taxa que aumenta até 71% transcorridos 4 anos. Nos homes é 50 e 73%. Estas diferenzas van a máis cando se analizan outras características relacionadas coa calidade do emprego.

Estabilidade

Elas teñen menor estabilidade no traballo: 48% das universitarias contratadas por conta allea teñen un contrato indefinido ao ano de se graduar, 8 puntos menos que os universitarios. A situación empeora 4 anos despois: a porcentaxe de indefinidas nelas redúcese a 46% mentres neles aumenta até chegar case 60%

Xornada laboral e salarios

Segundo o estudo mencionado, aos 4 anos de finalizar os estudos universitarios 85,5% dos universitarios traballa a tempo completo algo que só logran 74% das universitarias.

Nos ingresos temán fica plasmada esa fenda entre mulleres e homes. Nada máis graduarse as mulleres asalariadas con xornada a tempo completo teñen unha base de cotización media anual 2.078 euros por baixo que a base media dos homes. Catro anos despois esa fenda é de 2.624 euros, supoñendo que as mulleres gañan 9,5% menos que os homes.

Hai que indicar que estas diferenzas globais non se deben á elección dos estudos, pois a situación desfavorábel para elas en canto a salarios mantense con independencia do ámbito de estudo que cursaran, coa única excepción de Matemáticas e Estatística.

Esa desigualdade nos ingresos elévase até 15% nas titulacións relacionadas coa industria manufactureira e produción ou 13% nas Ciencias sociais