As mulleres reivindican na rúa “feminismo para avanzar”

[Imaxe: PGFeminismos]

“Menos discursos e máis recursos” foi unha das consignas máis coreadas na mobilización unitaria convocada polo movemento feminista galego este domingo, a piques de se conmemorar o Día da Muller.

O movemento feminista galego saíu á rúa na mañá do domingo baixo o lema “Feminismo para avanzar. Xuntas nunha mesma loita” para reclamar “menos discursos e máis recursos” na loita pola igualdade e contra a violencia machista.

A mobilización, que partía pasadas as 12h da estación de tren de Compostela, discorreu nun ambiente festivo a pesar da chuvia e finalizou na praza da Quintana, onde tiveron lugar as intervencións, que foron conducidas pola actriz Isa Risco. As mulleres que sufriron acoso laboral e as mulleres do rural foron as protagonistas dunha marcha que berrou contra o feminicidio na Praza da Quintana e que finalizou coa actuación musical das caboverdianas Batuko Tabanka. Os micromachismos, "que de micro non teñen nada" e a defensa das mulleres contra o patriarcado foron outras das cuestións recollidas no manifesto. Salientouse, ademais, a importancia do feminismo, "o feminismo necesita mulleres, e as mulleres necesitan o feminismo para transformar a realidade".

Outra das reivindicacións tivo a ver coa necesidade de acabar coa fenda salarial que separa homes e mulleres. “Querémonos vivas, sen violencia machista”; “Contra o machismo, máis feminismo”; "Contra o patriarcado, feminismo organizado" ou “Non son mortas, son asasinadas” foron outros dos lemas que se corearon na mobilización, na que estiveron presentes representantes da política, como o portavoz parlamentar de En Marea, Luis Villares, ou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Villares subliñou que "a loita pola igualdade debe ser visíbel cada día en todos os ámbitos, nas institucións e na rúa", mentres que Pontón puxo de manifesto que a igualdade "segue sen ser real e sen ser plena".

A nacionalista denunciou que as mulleres "seguimos sufrindo máis desemprego, máis precariedade e somos as responsábeis da conciliación". Chamou a non sermos "conformistas" e puxo o foco sobre a violencia machista. Neste sentido, lamentou que, diante do aumento dos asasinatos, os poderes públicos "non dean unha resposta á altura das circunstancias". Aliás, reivindicou unha reforma das leis, do contrario, dixo, "non conseguiremos a igualdade en 200 anos".

 

[Imaxes: @PGFeminismo, @pilarymara e Rubén Cela]