A Coruña acolle o II Encontro estatal

"Mulleres radiantes": moito máis que voces femininas, moito máis que radio

Cuac FM desenvolve obradoiros culturais (Cuac FM)
Experiencias que destapan o valor diferencial da radio comunitaria, e da radio comunitaria feita por mulleres, danse cita desde hoxe na Coruña no II Encontro de Mulleres Radiantes, unha iniciativa que pon no foco o papel que elas desenvolven nun medio que chega onde outros non son quen de chegar. 

A Normal, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, alberga esta tarde e mañá, sábado, o II Encontro estatal de Mulleres Radiantes. Organizada pola radio comunitaria coruñesa Cuac FM e pola Rede de Medios Comunitarios (ReMC), preséntase como iniciativa dirixida a dar visibilidade a propostas radiofónicas feitas por mulleres e compartir experiencias entre as participantes, que integran iniciativas de medios comunitarios como Rádio FilispiM, de Ferrol, Radio Abierta, de Sevilla, Kras, de Asturias, OMC, de Madrid, ou Radio Siberia, de Vitoria-Gasteiz, ademais das 80 mulleres –tamén algúns homes– inscritas.

Son mulleres que poñen a voz nas ondas. Pero o encontro é moito máis, como apunta Bea Ulalume, membro de Cuac FM e unha das impulsoras. "A organización foi, na súa meirande parte, feminina, aínda que tivemos colaboradores", sinala. Tamén a elaboración do programa de actividades se fixo en feminino. "Quixémolo facer de forma moi aberta e participada, dando voz ás persoas apuntadas", expón.

Na programación haberá oco para reflexionar sobre linguaxe inclusiva ou sobre como enfrontar o discurso da extrema dereita nos medios, para sesións de micro aberto e para coñecer experiencias con incidencia social, como a que varias mulleres das 3.000 vivendas de Sevilla desenvolven a través de Radio Abierta, ou a do programa Familias Diverxentes, da radio comunitaria coruñesa, centrado nas vivencias de persoas migrantes.

As mulleres achegan horizontalidade, colectividade e reflexión

Se se lle pregunta polo papel diferencial das mulleres no ámbito radiofónico, a organizadora reflexiona: "Diría que o mesmo que no resto de aspectos da vida, o que ocorre é que nos medios temos menos peso, porque hai moitas mulleres traballando neles pero moitas menos mandando. Achegamos horizontalidade, colectividade e un ritmo máis pausado e reflexivo".

Para a xornalista María Nieto, que será unha das voces da palestra inaugural desta tarde, a resposta é simple. "O papel das mulleres na radio –na comunitaria, na comercial ou na pública– é importante por unha razón ben sinxela: porque somos 50% da poboación", sentencia. De seguido, abunda: "Ofrecemos unha perspectiva diferente, que non necesariamente é de xénero, nin unitaria. Somos a metade e debemos ter a metade de espazo, e aínda que, como concepto, non estou a favor das cotas, entendo que son necesarias para dar visibilidade a un colectivo, o feminino, que como tal é moi heteroxéneo pero que até agora non tivo oportunidade de selo".

Vinculada hoxe a unha cadea de radio comercial, Nieto lembra con entusiasmo a súa longa relación coa radio e os anos en Cuac FM, onde segue colaborando de forma puntual. "Alí descubrín que había un colectivo que facía moito máis que radio", resume, para salientar a importancia dos medios comunitarios. "Permiten dar espazo a colectivos e a contidos que terían moi complicado encaixar noutras canles", opina. 

As radios comunitarias dan cabida a contidos sociais e minoritarios

Tamén para o presidente da ReMC, Mariano Fernández Cabarcos –membro fundador de Cuac FM en 1996– as radios comunitarias "fan cousas que outros sectores da comunicación non son quen de cubrir". "Por iso somos importantes", subliña, e lembra que así o remarcou tamén en 2008 o Parlamento europeo. "Foi unha recomendación para os Estados membro, para que asegurasen os medios comunitarios pola súa relevancia no diálogo intercultural e na alfabetización mediática, valores que fan unha sociedade plural, ademais doutras virtudes como o diálogo interxeracional", apunta. Neste contexto, lanza unha mensaxe: "Esta lexislatura ten que ser a que serva para normalizar os medios comunitarios, porque o Estado español leva un atraso considerábel cos nosos homónimos europeos". 

O presidente da ReMC destaca ademais dous tipo de contido "de moi difícil encaixe nos medios xornalísticos" que si collen nos medios libres comunitarios, como son os sociais e as temáticas especializadas minoritarias. "Ao non seguir unha lóxica de beneficios, non necesitamos maximizar audiencia para cobrar máis polas cuñas", incide. "Podemos ter programas de todo tipo e garantindo, como fai Cuac, o libre acceso da cidadanía ao medio, á propiedade e ás decisións de xestión", razoa.

Na ReMC son conscientes de que as mulleres seguen sen ser maioría, tampouco nestas canles. "Témolo diagnosticado e facemos cousas, non perdemos o tema de vista", sinala o presidente, quen apunta que, como terceiro na presidencia da entidade, é o primeiro home (despois de Miriam Meda González e María Navarro Limón). 

Claves para combater o discurso do odio

A xornada inaugural do encontro, ás 19 horas desta tarde, ábrese cunha mesa redonda na que as participantes reflexionarán sobre como combater o discurso da extrema dereita desde os medios. Na busca de respostas conversarán a comunicadora María Nieto, a doutora en Socioloxía Antía Pérez Caramés e a activista de Les Coruña Susana Milnes, moderadas pola tamén activista e 50% da proposta de Cuac FM Malhumorhadas Yosi Ledesma, que tamén abrirá o debate ao público. "Quixemos afrontar o tema desde perspectivas que abranguesen o feminismo, por suposto a comunicación e tamén desde o activismo, contando coa visión da comunitade LGTB+ e desde unha achega máis académica", avanza Bea Ulalume. A palestra será, ademais, a única sesión con acceso libre. O resto do encontro xa ten completa a súa inscrición.