Sandra Lage, alumna que participou no proxecto "Son feminista"

"As mulleres non nacemos débiles, fannos débiles"

Sandra Lage, no vídeo

Sandra Lage ten 20 anos e é unha das alumnas do IES Politécnico de Vigo que participou no proxecto "Son feminista...", dirixido polas profesoras Carme Adán e Ana Ojea. Estuda o segundo curso do Bacharelato de Artes para persoas adultas e nesta conversa explícanos por que decidiu sumarse ao vídeo.

Que supuxo para ti formar parte do proxecto “Son feminista...”?

Fixo que o alumnado tiveramos a oportunidade de nos expresar, que é unha necesidade importante que temos. A día de hoxe, vendo como está a situación, é importante que a nivel educativo xente de varias idades poidamos pronunciarnos, amosar as nosas ideas...

Como foi a acollida do proxecto entre o alumnado?

Hai xente que sufriu acoso, xente maltratada... e realmente penso que ter participado no vídeo é unha verdadeira superación para elas porque ao mellor nunca viron a posibilidade de expresar como se senten, iso moi pouca xente o valora. Cando falamos de machismo non estamos a falar só das mulleres asasinadas que saen nas noticias, o machismo prodúcese no día a día.

"Cando falamos de machismo non estamos a falar só das mulleres asasinadas que saen nas noticias, o machismo prodúcese no día a día"

Como afrontades o machismo no instituto?

Desde pequenas e pequenos incúlcannos uns valores onde as mulleres estamos definidas como sexo débil. Cando es pequena non te decatas destas cousas, nin de te preguntas por que a túa cor ten que ser o rosa nin por que tes que ser unha princesiña ou unha fada. As mulleres tamén sabemos loitar e ser fortes. Por que non podemos ser nós tamén valentes? Se te das de conta até nas películas infantís as princesas necesitan un home que as defenda da vida. Iso é machismo, facernos débiles. Nós non nacemos débiles, a nós fannos débiles.

Que papel debe desenvolver a escola na loita pola igualdade?

O ensino ten que inculcarnos desde pequenas e pequenos valores por iguais, deixar libres os nenos e as nenas, simplemente iso. Por exemplo, vemos como en Educación Física hai diferentes rangos para mozas e mozos e así nunca sabes cales van ser os teus verdadeiros límites. E está tamén o feito de que os rapaces pequenos se metan coas rapazas... Din despois “é que é cousa de nenos” e non o é, é cousa da educación, tanto da escola como da casa. Debería haber máis charlas sobre isto, e sobre a educación sexual e a liberdade sexual. Non ten que ser só relación muller-home. Ás mulleres tamén nos poden gustar as mulleres e non temos que ser criticadas por iso.

Que falta na educación para contribuír a superar o machismo?

Falta romper cos esquemas estabelecidos, non falar só de educación sexual entre home e muller; rexeitar calquera tipo de acoso e falar cos acosadores, traballar cos acosadores porque aínda que deixen de acosar unha persoa, teñen outra vítima por diante e hai que acabar con esa conduta.

"Fai falta máis sensibilización entre o profesorado"

Consideras que fuches educada en igualdade nos centros de ensino polos que pasaches?

Nunca recibín unha educación que me dese a oportunidade de expresarme... nesta sociedade hai micromachismos cada día. O ano pasado, e este ano tamén, deume clases Ana Ojea, a profesora que impulsou o vídeo con Carme Adán, e ela considérase unha profesora feminista. É, ante todo, persoa, sempre o di, e está sempre disposta a tenderte unha man, pero do resto non tiven ningunha experiencia así. Penso que até os profesores tratan de non meterse nestas situacións e simplemente fan o seu traballo e punto. Fai falta moita sensibilización.