AS MULLERES GALEGAS COBRAN 4.600 EUROS ANUAIS MENOS QUE OS HOMES

A división sexual do traballo aboca as mulleres ao papel de coidadoras

Os dados publicados pola OCDE evidencian as desigualdades por razón de xénero no acceso das mulleres ao traballo e a salarios xustos. 

 

Ao fío do embarazo de Susana Díaz, presidenta da Xunta de Andalucía, os faladoiros radiofónicos, a imprensa e mesmo as redes sociais deron en abordar a proximidade dun suposto adianto electoral condicionado pola gravidez da mandataria andaluza. Unha reflexión que non se produciu cando destacados dirixentes políticos tiveron crianzas. 

Este feito foi respondido, casualmente, un día despois pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) através dun informe intitulado 'Panorama do ensino' no que se aborda o paso da educación ao terreo laboral no marco dos estados que integran a organización internacional. 

A división sexual do traballo continúa a facer parte da estrutura económica mundial, da mesma maneira que a concepción das mulleres vencellada á capacidade biolóxica destas para teren crianzas

De acordo cos resultados obtidos polo estudo fica en evidencia que a división sexual do traballo continúa a facer parte da estrutura económica mundial, da mesma maneira que a concepción das mulleres vencellada á capacidade biolóxica destas para teren crianzas. Neste senso, pervive o estereotipo que condiciona a existencia das mulleres aos seus corpos e, ao abeiro desta idea, presupónselles como propio o desenvolvemento de tarefas vinculadas ao coidade das persoas dependentes (crianzas e idosas). 

Coidado das crianzas 

Por que ninguén se cuestionou como un elemento a ter en conta a paternidade de Tony Blair durante o seu mandato como primeiro ministro británico mais si o fai cando se tratar da presidenta de Andalucía?

En boa medida porque son o 84% das mulleres as que deixa de traballar após un ano do nacemento da crianza fronte o 16% dos homes, segundo o informe publicado pola OCDE. Ou o que é o mesmo, 26 mulleres por cada home optan a un traballo a tempo parcial para asumir o coidado dunha persoa dependente. 

O 85% das mulleres deixan de traballar após un ano de ser nais fronte o 16% dos homes

Segundo diversos estudos publicados polas insitucións internacionais o tempo medio dedicado polas mulleres ao traballo é de 6 horas e 43 minutos e 4h 25 minutos ao coidado das crianzas, entrementres os homes invisten 2 horas e 28 minutos n@s fill@s e 7h 25 minutos a tarefas vencelladas á súa profesión. Para alén da fenda entre ambos os dous grupos a respeito dos coidados salienta un maior número de horas de actividade no caso de elas, moitas non remuneradas.  

Este feito engádese ás diferenzas por razón de xénero que atinxen as mulleres no traballo. O mesmo estudo publicado pola OCDE apunta que embora as mulleres de entre 25 e 34 anos posúen máis títulos universitarios que os homes da mesma idade á hora de atoparen traballo os postos aos que acceden non se corresponden na mesma proporción co nivel de formación. 

Fenda salarial

Segundo a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico o 66% das mulleres --no Estado español-- contan cun posto de traballo acorde aos seus estudos fronte o 80%. Esta realidade reprodúcese en todos os estados que fan parte da OCDE. Aliás, a forquita entre ambos os dous sexos increméntase en chanzos de formación máis baixos. 

As cousas non melloran se focamos a atención nos soldos que perciben. Neste senso, a fenda salarial é de 6.145 euros, no conxunto do estado. Isto é, polo mesmo traballo con igual formación elas reciben, en Galiza, o 23% menos (4.600 euros). Unha diferenza que se incrementa até os 9 mil se se tratar de postos de xerencia aos que elas acceden con maiores dificultades e en menos ocasións.