CONCENTRACIóNS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

As mulleres mobilízanse ao berro de “paremos o feminicidio”

A sexta feira, 1 de xaneiro, as activistas feministas realizaron concentracións nas cidades do país para pedir a fin do feminicidio após o último asasinato machista, o de Marina Rodríguez a mans do seu home.

Non importou que fose o primeiro día do ano, nin festivo. As mulleres galegas botáronse á rúa para protestar polo último asasinato machista que tivo lugar na Galiza, o de Marina Rodríguez Barciela, en Mos.

A muller, de 69 anos, apareceu morta a pasada terza feira, 29 de decembro, con varios golpes na cabeza e o xulgado de instrución número 2 do Porriño ditou ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza do seu marido, Florencio A.C., investigado como suposto autor da morte de Marina.

“Xa está ben, berramos que xa abonda de violencia contra as mulleres. Cal é a cifra de asasinadas precisa para que os gobernos tomen en consideración este problema de estado?”, sinalaron as mulleres concentradas a sexta feira.

No manifesto que se leu nos protestos as mulleres apuntaron que “as reaccións sociais á violencia machista seguen a quedar no mero superficial, lamentacións, minutos de silencio e días de loito cada vez que é brutalmente asasinada unha muller como se fose o resultado dunha reacción persoal do agresor, por causa do alcol, de problemas mentais, económicos, de ciumes! ou aínda peor, culpabilizando a vítima por tolerar o agresor, por convivir con el sen ter tomado medidas, porque lle ía ben…".

“Os gobernos non queren que paren os asasinatos. É a única explicación que parece lóxica para que non se queira afondar na raíz do problema”, denunciaron, “é responsabilidade dos estados loitar con medidas do sistema de xustiza e policial pero tamén promover e reforzar as medidas que promovan a igualdade. Pero máis alá da igualdade formal non se quere afondar porque estes crimes fan un servizo ao patriarcado e ao capitalismo. Eses homes malvados fronte aqueles que non exercen violencia física. A perpetuación do control a través do medo”.

"Neste camiño debemos esixir máis medios nos xulgados de xénero, xuíces e xuízas, policía e garda civil con formación en igualdade, apoio psicolóxico e económico as mulleres"

“Parar o feminicidio implícanos a sociedade enteira e en todas as facetas da nosa vida. Temos que desmontar as imaxes e os valores nos que se sustenta a violencia contra as mulleres. Neste camiño debemos esixir máis medios nos xulgados de xénero, xuíces e xuízas, policía e garda civil con formación en igualdade, apoio psicolóxico e económico as mulleres”, engadiron.

Sete asasinatos machistas na Galiza en 2015

Coa de Marina, que en outubro de 2014 denunciara por violencia machista o seu home, aínda que posteriormente retirara a denuncia, ascenderon a sete os asasinatos machistas en 2015 na Galiza, segundo as cifras oficiais do Ministerio. As mulleres que morreron no país asasinadas polas súas parellas ou ex parellas foron, de acordo coas cifras oficiais, Isabel Fuentes (Ourense), Beatriz Rodríguez (Arbo), Divina (Vigo), Silvina (Vigo), Conchi Reguera (Pontesampaio-Pontevedra), María José R.F. (Vigo) e Marina Rodríguez (Mos). Trátase dunha cifra superior á rexistrada en 2014, que fora de seis. 

No que respecta ao conxunto do Estado, o asasinato dunha muller e do seu bebé de oito meses cuxos cadáveres foron atopados a quinta feira (31 de decembro) nunha vivenda en Torrevieja (Alacant) elevaron a 57 o número de mulleres vítimas de asasinato machista en 2015 –hai tres casos máis en investigación- e a catro a cifra de bebés asasinados -dez casos atópanse a día de hoxe en investigación, entre eles, o das rapazas de Moraña asasinadas polo seu pai.