Lucía Veciño Souto, coordinadora do A Fondo187

“Por mulleres, labregas e galegas, seguen a ser marxinadas e invisibilizadas”

Lucía Veciño Souto

Lucía Veciño Souto é graduada en Historia, na especialidade de Historia de Xénero Contemporánea e é quen asina os textos do A Fondo18, o caderno de análise que acompaña o Sermos280, ao redor das mulleres labregas da primeira metade do século XX. Unha ollada necesaria sobre os casos de resistencia e de oposición en que as mulleres foron protagonistas.

-Por que xorde este A Fondo?

 

-A idea deste A Fondo xorde da necesidade de instalar outro foco á hora de ver a realidade das labregas galegas que nos precederon para entender a realidade rural dos nosos días. Mais tamén de visibilizar as nosas devanceiras e pór en valor a actitude dunha parte da poboación que non se caracterizou pola pasividade e a submisión aos gobernos caciquís e á Igrexa como a Historia nos quixo facer pensar. Intentar demostrar que non eran aqueles suxeitos pacíficos, submisos e carentes de personalidade, ao contrario, foron moitos os exemplos de resistencia e de oposición pacífica e violenta nos que as mulleres foron protagonistas.

 

Neste senso, o A Fondo ten como obxectivos ver en que maneira as mulleres do rural tomaron parte nestes episodios, tanto de forma directa como indirecta; profundizar nos principais motivos que as levaban a tomar partido deles e analizar os resultados transversais que tivo o feito de que as labregas se introducisen nas loitas agrarias, de subsistencia e contra os poderes reais.

 

-Que te leva, como investigadora, a narrar os episodios máis relevantes en que as labregas galegas foron protagonistas?

 

-Mais que a parte investigadora, coido que o que máis influíu en min á hora de abordar este tema é o feito de ser unha moza criada no rural galego. Son neta e filla de labregas, e sen elas ser conscientes fóronme achegando referentes de mulleres ao contarme historias de veciñas que tiña porta con porta, iso por un lado. E por outra parte está o feito desa versión estereotipada e uniformada da “muller labrega galega” que segue a transmitirse aínda en pleno século XXI, a imaxe dunha labrega dominada, atrasada e ignorante, esmagada baixo un feixe de leña, con pano á cabeza e vestido negro. Unha imaxe inexistente no rural galego, pero que aínda segue vixente no imaxinario colectivo de moita xente. Como sempre é un discurso que sitúa as mulleres do rural tomando como referencia as mulleres urbanas (occidentais, brancas, de clase media e con estudos) como modelo de representación universal.

 

É hora de que a historiografía galega aborde o rural galego e o Agrarismo desde unha perspectiva moito máis ampla para crear referentes femininos. Neste senso, hai moito camiño aínda por andar.

 

"É hora de que a historiografía galega aborde o rural galego e o Agrarismo desde unha perspectiva moito máis ampla para crear referentes femininos"

 

-En qué conflitos se centra o estudo?

 

-A investigación céntrase en tres focos de conflitividade nunha época moi concreta, a primeira metade do século XX. Un período de inestabilidade política mais tamén de importantes cambios no rural galego. Por un lado analizamos o Agrarismo cos casos de Nebra (Porto do Son) e Guillarei (Tui), probabelmemente dous dos conflitos máis coñecidos do noso país, mais non se lles pon nome e apelidos aos seus protagonistas, e moito menos ás mulleres que neles participaron.

 

En segundo lugar os conflitos contra á Igrexa, nos que atopamos o caso de Sofán e Oseira, nos que a participación das mulleres foi vital pola estreita relación que sempre tiveron coa Igrexa. Non tanto por unha cuestión espiritual, senón porque era das poucas actividades lúdicas e de reencontro que tiñan.

 

E por último, aqueles conflitos que os historiadores catalogaron como de subsistencia, Barallobre e O Saviñao, este último tivo lugar a mediados do século XX e ben podería encaixarse nos motíns e revoltas do s. XVII, exemplo do atraso que se vivía na Galiza naquela altura.

 

"En xeral, xustifícase a participación das mulleres neste tipo de conflitos pola función social e de xénero que transformaba a nai en provedora das necesidades familiares"

 

-No A Fondo fas fincapé en que aínda que os conflitos se presentaban como motíns relacionados coa fame, tiñan outra natureza, máis global.

 

-Si, eu considero que nos casos de Barallobre ou O Saviñao influíu máis o feito de que a poboación e en concreto as mulleres, que foron as verdadeiras protagonistas, foron conscientes de que o que estaban cometendo era unha inxustiza, roubarlle ao pobo o froito do seu traballado durante todo o ano. En xeral, xustifícase a participación das mulleres neste tipo de conflitos pola función social e de xénero que transformaba a nai en provedora das necesidades familiares e en defensora da familia. A min persoalmente, paréceme unha lectura moi paternalista e simple da cuestión, coido que hai un compoñente de reafirmación de clase moi importante.

 

-Cal era o papel da labrega na época en que te centras?

 

-Para empezar, eran elas as que articulaban as comunidades, aspectos da división sexual do traballo como o coidado das crianzas, ou a responsabilidade sobre a economía do fogar, facilitaban a aparición de redes. En moitos casos para sobrevivir encargábanse do estraperlo, dos traballos de axuda mutua no campo... Hai que ter en conta que moitos homes emigraran, e elas quedaban cos fillos, coa casa e coas débedas. Mais a desigualdade comezaba na propia casa, pois as nenas ían moito menos a escola que os seus irmáns e a formación que tiñan era moi escasa en comparación aos homes.

 

"A situación das nosas labregas non mudou moito"

 

-Existe algún paralelismo entre as labregas da época que abrangue o A Fondo e as actuais?

 

-A situación das nosas labregas non mudou moito, falamos noutros parámetros e noutras latitudes mais a situación segue a ser pouco ou máis a mesma. Malia o peso que teñen no sector primario galego e mesmo estatal, seguen a ser marxinadas e invisibilizadas por mulleres, labregas e claro está, por galegas.

 

Son invisibilizadas polo simple feito de ser mulleres, porque o patriarcado como sistema de dominación social exerce unha violencia simbólica que distorsiona a visión das mulleres, facendo invisíbeis as súas actividades e experiencias, algo que aínda é máis perceptíbel cando se trata de labregas galegas, por estar as aldeas consideradas como espazos marxinais dun territorio xa de por si periférico e colonizado. Isto converte as mulleres labregas galegas en triplamente marxinais e triplamente invisibilizadas.

 

[Este A FONDO fai parte do Sermos280, á venda na loxa e nos quiosques]