LUCíA OLIVEIRA, MARISCADORA, ARMADORA E MULLER DO CERCO.

“As mulleres imos estar na primeira liña, temos a tixola polo mango”

Mulleres do cerco

Conversamos cunha das voceiras das Mulleres do cerco que traballan para se constituír en asociación e levar “o conflito onde faga falta” após os barcos volver ao mar

 

Esta segunda feira (25 de xaneiro) os mariñeiros do cerco que mantiveron os barcos amarrados durante máis de 100 días volveron ao mar. “Despois de tres meses xa era hora”, di Lucía Oliveira. “Fomos despedir o meu home ao peirao e ía contento. Os nosos homes naceron no mar e se lles quitan o mar…”.

Lucía é mariscadora mais tamén armadora dun barco de “23 metros” e “11 tripulantes” que mercaron en Santander o mesmo ano en que se impuxeron os históricos como principal criterio para o reparto das cotas do cerco. “Hipotecamos a casa e o propio barco”, explica en conversa con Sermos Galiza. Porén, esa embarcación “nunca viñera faenar á IX A” [refírese ao caladoiro que abrangue a costa desde Fisterra até o litoral portugués]. Por esa razón cando chegaron a Portosín “non tiñamos cota”, di. De facto, só acceden ao peixe que a Asociación de cerqueiros de Galiza (Acerga) –que abrangue o 80% da frota do país—disponibiliza unha “bolsa común para ir tirando”. “Grazas a iso podemos ir pescando”.

Son redeiras, mariscadoras e compradoras de peixe na lonxa

Lucía Oliveira é unha das portavoces de Mulleres do cerco. Un colectivo que abrangue as “compañeiras dos mariñeiros”. Porén, son máis que iso. Redeiras, mariscadoras, armadoras, responsábeis de comercios locais ou compradoras de peixe na lonxa, as mulleres do cerco son un alicerce fundamental do sector. Asemade, atópanse dobremente prexudicadas pola falta de cota pois, para alén de non poder ir ao mar os seus homes, tampouco elas poden traballar.

“Os pobos onde se traballa o cerco vense moi afectados”, di Lucía Oliveira,  pois “os comercios non venden, nos bares hai menos xente”. Aliás, as economías familiares víronse moi resentidas cando os mariñeiros tiveron que deixar de ir ao mar pola falta de cota. “Vivimos situacións moi difíciles porque os bancos non esperan”, sinala en relación aos créditos e hipotecas que pesan sobre boa parte das familias do cerco. Ademais, “os barcos amarrados tamén teñen custes e ao igual que calquera outra cousa, tamén se estropean de non os usar”.

“Chegou un punto no que viamos os nosos homes mal e decidimos xuntarnos”. Así naceu Mulleres do cerco, un colectivo que visan converter en pouco tempo nunha asociación coa que continuar a loitar “polo que é xusto”. Cos mariñeiros de novo no mar serán elas, as mulleres que traballan en terra as que continúen “na primeira liña” para conseguir un “reparto xusto” das cotas e que “todos sexamos iguais cando imos ao mar”, subliña Lucía Oliveira.

“Os máis maiores din que nunca o cerco estivo tan unido”

“Os máis maiores din que nunca o cerco estivo tan unido” como o está hoxe e desa unidade, din, sairá a “vitoria” nunha guerra que se prolonga desde hai varios anos. É “un camiño longo e duro”. Non o negan “mais collemos isto con forza”. E as ideas abrollan para dar continuidade á batalla á que se van sumando novas frontes, como o proxecto de Lei de Acuicultura ou, como defende Oliveira, “o conxunto da Estratexia Acuícola de Galiza” que conta co rexeitamento do sector do mar no seu conxunto, tamén do cerco.

Neste senso, están a deseñar as I Xornadas de sostibilidade do cerco de Galiza e despregar unha campaña informativa por todo o país para dar a coñecer as súas reivindicacións.
 

Desleixo mais tamén solidariedade

Do treito percorrido até hoxe tiran a ledicia polos apoios recibidos desde sectores ben diversos. “Non estamos sós”, di cun sorriso mentres lembra as visitas recibidas na acampada de San Caetano. Desde os Bombeiros da Coruña até os gandeiros pasando por numerosos representates de organizacións políticas como o BNG, AGE, o PSdeG ou alcaldes dos municipios costeiros. Algún deles mesmo do Partido Popular, como o de Camariñas.

Representan o “80% do cerco de Galiza” e unha das principais frotas da UE. “Para min o cerco é todo, é o meu medio de vida, do que me fixo namorar o meu home”, di Lucía Oliveira. “Vivo o mar, gosto de pór a roupa de auga, tírame un sorriso, e tocar o marisco fresco… iso é algo que só entende quen vive do mar”.

Mais polo camiño tamén deron cos gobernos da Xunta e de Madrid. “O goberno [galego] deixou a xente desatendida, abandonada”, asegura en relación ao tratamento do conflito. Neste senso, malia conseguiren un reparto mínimo, “un caramelo”, di, “non nos conformamos, queremos ser todos iguais”. Por iso, advirte, achegarán “o máximo posíbel o conflito a Bruxelas”. “Imos coller a tixola polo mango e levar as nosas reivindicación sonde faga falla”.  

 

Esta irformación foi corrixida por volta das 10:30h para dar conta da cifra de días correcta que a frota do cerco estivo amarrada. En total máis de 100 días e non 80 como se indicaba inicialmente.