Mulleres en situación de violencia machista exixen protección para as crianzas

Acción diante do Tribunal superior de xustiza
A asociación Ve-la Luz reclama o peche dos puntos de encontro por seren ''cárceres que fomentan o sometemento das mulleres''. Denuncian que estes centros están xestionados pola Igrexa e que @s pequen@s "son obrigados a visitar o maltratador", aínda que fique imputado ou haxa unha sentenza condenatoria na súa contra

 

A asociación de mulleres en situación de violencia machista Ve-la Luz vén de exixir diante do Tribunal superior de xustiza protección para si propias e para as súas crianzas, garantindo que non sexan arma arreboladiza "para fomentar o sometemento das vítimas". Quéixanse neste colectivo de que @s pequen@s "son obrigados" a manter contacto co seu proxenitor "aínda que estea imputado ou penado", e tal obriga materializaríase a través dos denominados Puntos de encontro, segundo explica Gloria Vázquez, presidenta de Ve-la luz.

Vázquez remite a unha gravación en que unha psicóloga media entre un pai e o seu fillo de seis anos. Non se trata dunha separación conflitiva da parella, nin de garantir que se cumpre co réxime de visitas ditaminado por un xuiz, senón dun caso de violencia machista. No documento sonoro, a traballadora amósalle á crianza unhas diapositivas e explícalle que "se mamá tira por un lado e papá polo outro o neno acaba partido en dous" ou que "a man usarémola cada vez menos".

A atención, xestionada pola Igrexa
Ve-la luz solicita "que se retire a custodia no momento en que haxa un indicio de maltrato, físico ou psicolóxico". O colectivo denunciou o funcionamento destes puntos "hai un ano" perante a Xunta de Galiza por non cumpriren a normativa nin no referente ao seu funcionamento, e fixeron fincapé tamén na súa xestión por mans privadas. "Están xestionados polos xesuitas", alerta Vázquez, e acrecenta que "alí cobran unha subvención por cada expediente que resolven, e se o neno non quere ir deberá acompañalo algún familiar, xeralmente a propia muller maltratada, obrigándoa a se encarar co seu maltratador".

"A xente pensa que após unha denuncia en 24 horas deteñen o maltratador e aí acaba a cousa", remarca Gloria Vázquez, quen arremete contra a entrevista á fiscal xefa da Coruña, Esther Fernández, publicada na revista do Colexio de avogados da Coruña, Fonte limpa. Sostén a letrada que as mulleres denuncian situacións de violencia machista para obteren beneficios, ou que llelo recomendaron en Servizos sociais para acelerar un proceso de separación do seu cónxuxe. "A que beneficios se refire? Aos 426 euros da Risga a cambio de ter que visitar as súas pateras ou de vivir mirando sempre para atrás?", cuestiona Vázquez, referíndose co termo 'pateras' aos puntos de encontro cuxo peche exixe porque, insiste, "son cárceres", e reclamando a dimisión de Fernández por tales declaracións.

5.173 denuncias, 790 ordes de protección
Os datos sinalan que das 5.173 denuncias relacionadas cos malos tratos ás mulleres o ano pasado unicamente 250 recibiron o denominado salario da liberdade, que depende da Xunta de Galiza; só 790 ficaron protexidas cunha orde de afastamento e 1.173 cobraron os 426 euros da Renda de inserción --Risga--. "Se non hai orde de afastamento non existe o recoñecemento cara a esa situación de maltrato". O sobresemento da causa por falta de probas é "moi frecuente porque non hai medios". Daquela, as mulleres que denuncian "quedan desprotexidas".

En relación ao anterior, desde Ve-la luz piden tamén a substitución do xuíz de violencia machista da Coruña, Miguel Filgueira. Sustentan tal exixencia noutras declaracións colocadas na mesma revista. Citando unha sentenza da Audiencia de Barcelona, defende Filgueira que "no casos en que a agresión na parella sexa mutua --isto é, se ela se defende-- o caso se xulgue como un delito común, debido á inexistencia dunha situación de dominio". A obriga de acudiren aos puntos de encontro está amparada na denominada síndrome de alienación parental --que as nais poñen as crianzas en contra do proxenitor--, e que foi cualificicada pola Audiencia de Bizkaia como "máis unha forma de violencia machista" e "un instrumento pseudocientífico sustentado en ideas sexistas".

Unha traballadora para ouvir ''5.000 historias de maltrato''
"Para eles só existe violencia machista cando a muller aparece espatarrada, con golpes, apuñalada", denuncia Gloria Vázquez, quen recorda que as ordes de protección criminalizan as máis das veces as mulleres, ao ter que romper coa contorna, ir a casas de acollida ou levar unha pulseira localizadora "e todo isto a cambio de 426 euros". Subliña a presidenta de Ve-la luz a necesidade de mudar o tratamento que na xustiza recibe a violencia machista para porlle fin "ao sometemento" das mulleres, e recorda que a taxa de inserción laboral destas traballadoras está no 0,68.

Na Coruña, esta asociación atende mulleres en situación de violencia machista sen recibir subvención de ningunha institución pública. Quéixanse de que unicamente dispoñan dunha psicóloga "para atender 490 vítimas, recibindo cada unha un mínimo de dez sesións. Imaxinas ter que ouvir 5.000 historias de maltrato?", conclúe Gloria Vázquez.