As mulleres do mar de Arousa rescatan a voz das súas maiores

A asociación congrega mulleres profesionais vinculadas ao sector marítimo de toda a ría (Mulleres da ría de Arousa)
Recoñecemento e memoria fiarán a xornada coa que Mulleres do Mar de Arousa quere dar protagonismo ás experiencias daquelas que as precederon nunha profesión que na ría congrega moitas, pero visibiliza 
moitas menos.

A asociación Mulleres do Mar de Arousa, nacida hai catro anos para dar voz ás profesionais do marisqueo, as bateas, a pesca ou a comercialización de peixe nesta comarca, organiza o sábado, na Sala das Cunchas do Grove, a xornada "Na Galiza mar é feminino", que reunirá as experiencias dunha bateeira, unha mariscadora e unha traballadora dunha conserveira desta localidade, todas xubiladas. 

Será, en palabras da secretaria da entidade, Sandra Amézaga,  un encontro no que "visibilizar o que fixeron as que estaban antes que nós e o que isto supuxo para a economía local e para as familias". A elas sumarase a voz dunha bateeira en activo, filla dunha das anteriores, para "contrapoñer" as condicións laborais de entón coas de agora.

 Nunha ría na que unha de cada dez mulleres en idade produtiva exerce en actividades vinculadas ao sector –5.572, segundo un estudo recente do Grupo de Acción Local del Sector Pesqueiro (Galp)–, a portavoz desta asociación ve necesario "que non se esqueza o traballo destas mulleres, porque marcou todo o que veu despois". 

"Son historias impresionantes de persoas que, ás veces, nin teñen conciencia do que supón para nós, as súas herdeiras, aquel esforzo", salienta Amézaga, que exercerá como moderadora do encontro deste sábado.

Parte desa herdanza deu impulso, en 2016, á creación desta entidade, a primeira de carácter exclusivamente feminino neste ámbito laboral. "Decatámonos de que, malia proceder dunha ampla gama de profesións, tiñamos problemas comúns: dificultade para ter visibilidade nun sector no que somos moitísimas mulleres e máis dificultade aínda para chegar a postos de responsabilidade", enumera a secretaria da asociación, que apunta tamén a cuestións estruturais, agravadas neste campo laboral.  

As mulleres teñen máis difícil dar un paso adiante

"Somos un colectivo que, xunto co noso traballo profesional, moi habitualmente ocupámonos da casa, de coidar os fillos, mesmo os sogros... Esta é a nosa realidade", indica, aludindo ademais  unha contorna "de núcleos pequenos onde todo o mundo se coñece e onde resulta máis complicado para unha muller dar un paso adiante". 

"Non se trata de enfrontármonos aos homes, non queremos iso, senón de influír nun cambio de mentalidade que cremos que é necesario e que non só teñen que facer eles, senón tamén as mulleres, porque o machismo tamén está en nós, a través de moitos prexuízos", quere salientar a portavoz, que destaca que á xornada desta fin de semana están convidados os patróns maiores da comarca.  

"Necesitamos colaborar", conclúe Amézaga en relación ao sector masculino da profesión, mais tamén como máxima para as mulleres da asociación. "Ao xuntármonos, poténcianse a sensación de unión, as ganas de compartir experiencias e de traballar en común", subliña.

As desigualdades e a violencia de xénero, desafíos da asociación para este ano

onscientes das desigualdades que se viven en todos os ámbitos da vida, as Mulleres do Mar de Arousa márcanse como reto para este 2020 achegarse ás violencias de xénero no sector. "É un tema do que non se fala, pero estatisticamente sabemos que ten que haber casos", expón Sandra Amézaga, quen salienta que a asociación quere ir amodo, comezando por cuestións como a desigualdade que supón a dupla ou tripla xornada –a profesional e a do traballo doméstico e familiar– ou as económicas, polas que os varóns son propietarios dos bens comúns, para ir "cambiando a mentalidade" a través de espazos de reflexión.

Un deles é a sesión mensual de merendas que a entidade puxo a andar a finais do ano pasado e que retomará este, "un espazo de socialización, de posta en común e de confianza", resume a portavoz.