O ACTO DE FECHE TERá LUGAR O DOMINGO

As mulleres do cerco toman posicións para levantar o campamento

As mulleres volven ao campamento de San Caetano. Non o fan para tomar o relevo dos homes. Fano, desta vez, para darlle a fin ás máis dun cento tendas de campaña que simbolizaron durante tres meses a loita do cerco.

A partir das 21h deste sábado espérase a chegada das mulleres do cerco ao campamento de San Caetano, onde terá lugar a “derradeira cea” e o esconxuro da queimada, que formarán parte dos actos de feche deste campamento reivindicativo que se erixiu durante tres mes aos pés do edificio administrativo da Xunta de Galiza.

Concluída a cea, as mulleres, que portarán fachos, sairán nunha procesión simbólica cara a capela do Carme, onde reivindicarán que viven do mar”.

Xa na xornada do domingo terá lugar o acto de levantamento das tendas de campaña, no que participarán todos os representantes do sector, convocados pola Acerga.

As mulleres do cerco sinalan que continuarán a loita para informar e concienciar o pobo galego da problemática que atravesa a frota cerqueira. Para isto, desenvolverán unha xeira de actos informativos e reivindicativos en distintos puntos do país durante os próximos meses.​  

Volta ao mar

Esta segunda feira, 25 de xaneiro, os barcos do cerco voltarán ao mar. Mais fano coa reivindicación de restituír o anterior sistema de reparto de cotas lineal, é dicir, en función do número de tripulantes, no canto do sistema de capturas en base aos históricos. 

Acerga, que recoñece un incremento das capturas nun 17% respecto de 2015, denuncia o trato a favor da Consellaría do Mar aos 20 barcos que forman parte da asociación minoritaria Cerqueiros Galegos. Este colectivo defende un reparto en función das capturas históricas, o que vai en detrimento do resto da frota galega do cerco.