Mulleres de máis de 80 anos e que viven soas: o perfil da tele-asistencia que Madrid non vai pagar

[Imaxe: SG]
As deputacións do PP mostraron o seu bo dispor para financiaren en solitario este servizo que está adxudicado a Eulen, a empresa da irmá de Feijóo


A súa voz soa leda ao outro lado do fío. Entrementres fala, Rosa Amor leva no pulso unha pulseira "moi parecida a un reloxo e cun botón grande e vermello no medio e medio" que lle entregaron "haberá dez ou doce anos", cando quedou viúva e sen ninguén con quen partillar a casa, nin os momentos de ánimo, nin os de tristura.

Aos seus 77 anos, é unha d@s máis de 6 mil usuari@s da tele-asistencia, que na Galiza se financiaba cunha achega do 65% de diñeiro que viña de Madrid, do Imserso, e dun 35% que pagaban a medias os concellos e as deputacións. Porén, o goberno español vén de anunciar que non quere saber nada da atención que se presta a través deste servizo, e tirou a pelota cara ao tellado das deputacións.

Bo dispor nas deputacións do PP para manteren un servizo que presta a irmá de Feijóo
Na Coruña e Ourense —PP— a deputación asumirá o 100% do custo, garantindo a cobertura para 1.432 persoas no primeiro caso e para 1.893 no segundo.

En Pontevedra "aínda non sabemos que imos facer", pois o goberno que preside Rafael Louzán —PP— considera que a tele-asistencia non é competencia súa, polo que o servizo fica na corda bamba e, canda el, a atención que reciben pola volta de 1.200 persoas. En Lugo —PSOE e BNG— a vicepresidencia de Benestar Social fixo un chamamento aos concellos para asumir o co-financiamento, e a resposta foi positiva. De non teren asumido ese 50% de gasto, non será posíbel manter o servizo, que o 31 de decembro atendería a derradeira chamada.

Após debuxar este panorama cómpre subliñar tres datos: a adxudicataria da tele-asistencia é, en todos os casos, Eulen, empresa vinculada a Micaela Núñez Feijóo, a irmá do presidente da Xunta, polo que, de non garantirse este servizo, Eulen perdería o contrato; satisfacer esta necesidade "é moi barato". O gasto por usuari@ é de 17,31€ ao mes, 200€ ao ano, segundo calcula a concelleira de Benestar social de Pontevedra, Carme Fouces, quen considera "unha barbaridade" o desmantelamento do servizo que pretende o ministerio de Sanidade ao ver nel "un dos mellores recursos para mellorar a calidade de vida e a autonomía das persoas maiores".

Hai que destacar finalmente que quen se beneficia desta atención é, na maior parte dos casos, unha muller de máis de 80 anos que vive soa. Os datos que seguen son os de Lugo, mais poderían ser de calquera outra das tres provincias: de 1.500 usuari@s, 1.269 son mulleres, 939 viven soas e 815 son viúvas.

Como Rosa Amor, que vive en Ribadeo e ten @s fill@s emigrad@s, polo que só está acompañada "cando teño parella". Ao lle preguntar polo valor de que alguén fique sempre pendente dunha, responde taxativa: "se me quitasen a pulseira quedaría sen o meu gardacostas". Rosa non quita o seu 'reloxo' nin sequera cando vai á ducha "porque me sinto moito máis segura", e explica que, para alén de atender as súas necesidades, @s traballador@s chaman "dúas veces ao mes" para comprobar simplemente que está todo ben e que o dispositivo funciona correctamente.

"Se non estou na casa e non avisei, chaman un veciño para preguntar por onde ando", explica, pois tivo que facilitar o contacto de tres persoas "de confianza", que teñen tamén un xogo de chaves da súa casa "por se pasa calquera cousa". Di Rosa que ela non chamou nunca "por nada urxente", e que comunica só cando viaxa. Como nestes días, que prepara as maletas para ir pasar estas festas a Barcelona.

As usuarias chaman para saudaren, falaren un bocadiño ou pediren información
As necesidades de Rosa e de todas as usuarias da tele-asistencia aténdenas traballador@s como Santiago Rodríguez, empregado de Eulen na central da Coruña. Confirma que ao outro lado do fío a voz é dunha muller as máis das veces, e que ten falado con maiores de até 104 anos, viúvas e que pasan ora todo ora a maior parte do tempo, acompañadas da soidade.

"Atendemos primeiro as emerxencias sanitarias ou sociais, mais recibimos moitas chamadas simplemente para nos saudar, para falar ou para consultar dúbidas, porque a persoa queda preocupada ao recibir, por exemplo, chamadas telefónicas con propaganda de cousas para vender". Santiago confirma que tamén do seu lado do fío el é dos poucos homes, un de cada tres traballador@s, e valora a tele-asistencia como un servizo "fundamental na Galiza", tomando en conta a dispersión dos núcleos de poboación e a virulencia con que os recortes se ceban co rural e coas mulleres.

 

  • "Os recortes no sistema xeral de coidados son máis unha expresión da violencia estrutural contra as mulleres"

Os recortes en políticas de benestar practicados polos gobernos da Xunta e do estado tradúcense nunha tesoirada ao sistema xeral de coidados e aos dereitos laborais, "e os dous afectan as mulleres". Quen fala é Lola Ferreiro, médica e coordinadora do grupo de estudos de xénero Lúa Crecente.

Advirte que desmantelar a teleasistencia no fogar supón quitarlle ás súas usuarias "o único apoio que teñen e a única garantía de se sentiren minimamente seguras aínda ficando soas". Porén, Ferreiro vai máis aló e convida a reflexionar ao redor dunha cuestión fulcral: a que renuncia quen coida? Ao cargo de crianzas, maiores ou persoas con diversidade funcional fican "mulleres que fomos educadas para coidar renunciando a nos coidar nós".

Para alén dos problemas de saúde que carrexan e da perda do poder adquisitivo, fica aínda por desterrar do imaxinario social un pensamento moi espallado: "cóidano polos cartos". Eses cartos serían "o salario que corresponde polo traballo de coidar".