Análise

Mulleres, coidados e lucro capitalista

81% das persoas en situación de dependencia na Galiza son atendidas por membros do seu fogar, nomeadamente por mulleres (Ilustración: Álex Rozados).
A xornalista Paula Castro prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.

Os coidados teñen tres patas. As tres sustentadas por mulleres. Mulleres que coidan a dependentes nos fogares, a maioría mulleres; mulleres contratadas –ou non- por mulleres que coidan a dependentes nos fogares, a maioría mulleres, e mulleres contratadas nos servizos sociais, a maioría privados, para coidar a dependentes, quer en centros de día, residencias da terceira idade ou Servizos de Axuda no Fogar.

As mulleres seguen sendo, pois, un continxente básico para suplir as carencias dos estados en políticas sociais e de benestar e no módulo sobre conciliación entre a vida laboral e familiar da EPA constátase que seguen asumindo, maioritariamente, o coidado de menores de 15 anos e de persoas dependentes; interrompen ou abandonan o seu traballo para asumir labores de coidado; modifican ou reducen as súas xornadas laborais para conciliar; dedican máis horas a labores domésticos ao rematar a súa xornada e teñen máis contratos a tempo parcial.

 A atención á dependencia é o gran negocio da nosa era. O gran capital sabíao cando propuxo a liberalización dos servizos

En Galiza faise especialmente evidente esta situación. Segundo a Enquisa Estrutural dos Fogares, en 2017 (últimos datos dispoñíbeis) había un total de 117.875 persoas en situación de dependencia das cales o 81,4% eran atendidas por membros do seu fogar, nomeadamente por mulleres, que dedican unha media de 46,3 horas semanais aos coidados. 

Isto confirma que avanzado o século XXI o imaxinario patriarcal segue disciplinando as mulleres no seu rol de coidadoras. O Informe sobre o sistema de coidados de longa duración en Galiza desde a perspectiva da prestación de servizos e de creación de emprego, elaborado polo CES, apunta que a atención no fogar sería a preferida polas familias pola "preeminencia dun imaxinario segundo o cal o ingreso das persoas dependentes en institucións especializadas supón unha perda de privacidade e poder de decisión". 

Mais tamén pola enorme dificultade para acceder a unha praza nun centro público da terceira idade en zonas próximas ao lugar de residencia e pola práctica imposibilidade para pagar unha privada. En 2017 había en Galiza 24.553 homes dependentes maiores de 75 ou máis anos e máis do dobre de mulleres, 52.905, que son as que teñen as pensións máis baixas e, polo tanto menos recursos.

Mulleres que contratan mulleres

Segundo este informe, a incidencia dos servizos sociais públicos só alcanza ao 18,7% das persoas con dependencia e o 13% das dependentes teñen contratada, de xeito privado, a unha coidadora no seu domicilio. "Externalizan as actividades, pero mantéñense en mans femininas replicando o modelo de organización familiar tradicional", conclúe.

Mulleres que, segundo este mesmo informe, antes procedían maioritariamente de zonas rurais, mais que agora son inmigrantes, con contratos de empregadas do fogar, peor retribuídos e con menos dereitos, ou sen eles.

O gran negocio

A carón deste modelo desenvólvese o gran negocio dos coidados. Nós Diario publicaba a semana pasada que as subvencións que a Xunta destina a residencias privadas é de 100 millóns de euros. Parello a este está o Servizo de Axuda no Fogar, o máis demandado en Galiza. En 2021 atendía a máis de 24.600 dependentes, cun custo directo estimado de 163,9 millóns de euros.

Un negocio seguro, financiado polas administracións públicas —depende maioritariamente dos concellos— que non precisa dun centro de traballo, porque a actividade se desenvolve no fogar da propia usuaria ou usuario e que procura os beneficios ofrecendo ás administracións o custo máis baixo pola vía de rebaixar as condicións laborais das traballadoras.

A atención á dependencia é o grande negocio da nosa era

O número de traballadoras que manexa a CIG-Servizos, segundo explica a secretaria nacional, Transi Fernández, é de 6.000. O salario bruto base dunha auxiliar de Axuda no Fogar é de 1.042,67 €. O convenio obriga a incrementalo en función do IPC, que rematou 2021 ao 6,5%. Unha suba que as empresas non queren aplicar e que obrigou a CIG a denunciar a 154 das concesionarias que operan en Galiza. Ao baixo salario únense as condicións nas que desenvolven o seu traballo. Marifé Novo, delegada da CIG no SAF de Ames, denuncia que elas teñen que poñer o coche para ir aos domicilios e que, como o convenio está sen tocar desde 2010, o combustíbel que lles pagan segue a 0,18 céntimos por quilómetro e fai máis de 50 diarios. 

A atención á dependencia é o grande negocio da nosa era. O gran capital sabíao cando propuxo a liberalización dos servizos. Unha proposta que a UE, sempre dilixente ante as súas demandas, converteu na chamada Directiva de Servizos, que tiña como obxectivo, precisamente, converter en negocio servizos sociais; que promove unha competencia empresarial baseada na precariedade e nos salarios lixo en detrimento da calidade e que alimenta a corrupción, porque de conseguir as concesións depende a supervivencia das empresas. Un modelo que cómpre combater revertendo ao sistema público os servizos, para garantir a súa calidade, salarios e condicións laborais dignas, asumindo que os coidados son unha responsabilidade social e non individual e, moito menos, das mulleres.