Mulleres con baixas especiais ven violada a súa intimidade: as empresas teñen acceso a datos "moi sensíbeis" referidos á súa saúde

Mulleres defenden os seus dereitos na rúa durante o 8-M. (Foto: Arxina)
A CIG levará á xustiza a vulneración do dereito á protección de datos sensíbeis de mulleres en situación de IT especial. O sindicato nacionalista prepara unha demanda contra a Axencia de Protección de Datos polo arquivo dunha denuncia contra o Ministerio de Seguridade Social sen que chegase a resolver a súa reclamación.

O dereito á intimidade das mulleres en situación de IT especial está a ser vulnerado. A CIG vén de anunciar a presentación dunha demanda no xulgado do contencioso-administrativo contra o arquivo dunha denuncia presentada polo sindicato en 2023 na Axencia Española de Protección de Datos contra o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Entón, a central nacionalista deu parte do caso dunha afiliada molesta e sorprendida polo feito de que a súa empresa soubese que acababa de pasar por unha interrupción do embarazo.

Este motivo de baixa é un dos tres incluídos na reforma da lei de saúde sexual e reprodutiva de 2010, en vigor desde o 1 de xuño de 2023, e que recoñece tres situacións especiais de IT para as mulleres traballadoras: menstruación incapacitante, interrupción do embarazo –voluntaria ou non– e xestación a termo desde o primeiro día da semana 39 de embarazo. "Todas as mulleres que pasan por estes procesos e están de baixa fican cos seus datos expostos", asegura a Nós Diario, Susana Méndez, secretaria de Organización da CIG. Mais non todas saben desta vulneración nin todas as que o descobren por casualidade chegan a denuncialo.

"Estes dereitos que recolle a lei están moi ben, son necesarios e seguramente non sexan suficientes", di Méndez, pero tal e como se trasladaron á norma permite que as empresas teñan acceso aos detalles de saúde das súas traballadoras. "A lei indica que cada unha destas IT especiais ten un pagamento distinto, desde o primeiro ou o segundo día, a diferenza do resto das IT, que se inicia no terceiro. Como quen fai o pago é a empresa, a Seguridade Social comunícalle o código específico asignado a cada suposto e, con el, a situación concreta que atravesa a muller".

Discriminación

Á CIG chegaron só as denuncias de dúas mulleres con máis dun ano de diferenza. A primeira deu pé a unha reclamación que a Axencia de Protección de Datos arquivou porque entende que o ministerio modificou –entre que se presentou a queixa e se resolveu– unha serie de "parámetros de codificacións" que emendan os fallos. Mais desde a CIG defenden que se trata dunha simple "maquillaxe" que "disimula", sen anular, a vulneración do dereito das mulleres a manter na intimidade datos "moi sensíbeis" referidos á súa saúde; e a proba está no caso máis recente ao que tivo acceso o sindicato, o dunha traballadora que viu como na súa nómina figuraba o motivo "exacto" da súa IT.

A CIG reclama que a Administración asuma a súa responsabilidade e modifique a lei. "Se todas as IT se pagasen desde o primeiro día e do mesmo xeito as empresas xa non terían acceso a datos concretos", precisa Méndez, quen salienta o sufrimento engadido destas mulleres. "Séntense moi vulnerábeis e exprésano de forma moi gráfica, como se 'estivese espida nun escenario á vista do público' ou como se, de súpeto, 'calquera puidese entrar pola porta da miña casa con normalidade' e acceder á súa intimidade".

A vulneración deste dereito fundamental, conclúe Susana Méndez, pode derivar noutras se non se resolve. "Pode converterse nun factor de discriminación laboral". E pon dous exemplos. "Se a empresa sabe que colles unha IT por interrupción do embarazo pode supor que estás buscando quedarte embarazada e decidir non renovarche o contrato. Ou se colles unha IT por menstruacións dolorosas a empresa pode dicir isto vaime pasar todos os meses non me interesa". "Son problemáticas discriminatorias que só lles van pasar ás mulleres, nunca aos homes".