Xustiza

Unha muller intervén para deter unha agresión machista e acaba xulgada por agredir o suposto maltratador

Sede da Audiencia Provincial de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
Tanto a muller como o home implicáronse nunha pelexa que lles causou a ambos os dous lesións na cara que se xulgarán a vindeira semana, logo de que ela tentase evitar que o acusado agredise a súa parella.

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra acolle a vindeira quinta feira o xuízo contra un home e unha muller acusados de lesións por unha pelexa rexistrada nun bar de Caldas de Reis, despois de que ela tentase parar unha agresión machista por parte dese mesmo home contra a súa parella.

Segundo recolle o escrito de acusación do fiscal, os feitos remóntanse a outubro de 2021, cando no interior dun bar de Caldas de Reis comezou unha pelexa entre a propietaria e a súa parella sentimental, uns feitos polos que se segue un procedemento paralelo ao que se xulgará na quinta feira.

A acusada saíu nese momento do baño do estabelecemento e viu o home agredindo a súa parella, polo que interveu coa intención de deter a agresión. Para iso, primeiro tentou apartar o home, que se revolveu contra ela cun obxecto punzante e golpeoulle na cara.

Posteriormente, a muller colleu unha copa que había sobre unha das mesas e estampoulla na cabeza, procurando que cesase a agresión tanto á súa parella como a ela mesma. Como consecuencia dos feitos, ambos os dous acabaron con feridas na cara que lles deixaron cicatrices.

E, após o sucedido, a Fiscalía considera os feitos constitutivos de dous delitos de lesións con deformidade, dos que responsabiliza ambos os dous. Con todo, para a muller contempla unha eximente incompleta de lexítima defensa, pois interveu para socorrer a vitima do seu agresor.

Por todo o anterior, pide que o home sexa condenado a unha pena de catro anos de prisión, e da mesma forma demanda dous anos e medio para a muller. Aliás, el deberá indemnizala con 6.590 euros, mentres que para ela pide o pagamento dunha indemnización de 10.495 euros.