Unha muller ferida grave en Vigo, após ser acoitelada presuntamente pola súa ex parella

Foi operada de urxencia este domingo no hospital Povisa. Encóntrase estable dentro da gravidade. As primeiras hipóteses apuntan a un novo caso de violencia machista.


Unha muller de 36 anos resultou gravemente ferida este domingo en Vigo após ser atacada presuntamente cun coitelo pola súa ex parella sentimental. Foi operada de urxencia no Hospital Povisa con varios cortes no pescozo e na man. Encóntrase estable, dentro da gravidade, dado que non afectou a órganos vitais, segundo fontes sanitarias consultadas por Europa Press.

Os feitos ocorreron cara as 07.30 horas na rúa Martínez Garrido, cando a muller se dirixía cara o seu traballo. As primeiras hipóteses apuntan a un novo caso de violencia machista. Os investigadores encontraron restos de sangue no lugar do suceso e tratan de dirimir como chegou a vítima ao centro sanitario. O seu vehículo foi encontrado aparcado nas inmediacións de Povisa, segundo ´La Voz de Galicia’

O suposto agresor, de 40 anos, negou os feitos tras ser detido pola Policía Nacional. Está en dependencias policiais á espera de pasar a disposición xudicial. Non existían denuncias previas.

Detido por quebrantar a orde de afastamento

Outro home de Vigo, tamén de 40 anos, foi detido a pasada madrugada acusado de quebrantar unha orde de afastamento e ameazar á súa ex parella.

A propio vítima foi quen denunciou os feitos ante unha patrulla da Policía Local, que sucederon cara as 05.00 horas na rúa Rosalía de Castro.