Unha muller falecida e varios feridos ao caer unha árbore sobre o público nun concerto en Mondariz-Balneario

Un dos feridos é o marido da falecida.

Unha muller faleceu e catro persoas máis resultaron feridas de diversa consideración após caer unha árbore sobre o público que asistía a un concerto na localidade de Mondariz-Balneario.

Así o confirmou a Europa Press o rexedor deste municipio, José Antonio Lorenzo, quen explicou que o concerto, nunha zona axardiñada próxima ao hotel balneario, estaba a chegar ao seu fin, pasadas as 21:00 horas, cando, por razóns que se descoñecen, unha árbore de gran tamaño caeu sobre parte do público que presenciaba o espectáculo.

Até o lugar desprazáronse efectivos da Garda Civil, Protección Cicil, Bombeiros do Porriño e Bombeiros de Ponteareas. Pablo Araújo, dos bombeiros de Ponteareas, comenta que, cando chegaron, só encontraron unha persoa falecida baixo a árbore e que "a liberación foi laboriosa, polo peso e o diámetro da árbore, de 10 metros de alto e 1,50 de diámetro".

José Antonio Lorenzo explicou que, cando se montou o equipo de luces e sons para o evento, "ninguén observou nada anormal" con respecto a esa árbore, que fixese presaxiar que estaba en mal estado, fendida ou con perigo de vir abaixo.