A muller de 33 anos asasinada en Pontevedra foi apuñalada e presentaba numerosos golpes na cabeza

Recollida de probas no lugar no que foi asasinada a muller. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Segundo a información transcendida até o momento, descártase un delito de violencia machista ao non existir relación de parella ou sentimental de ningún tipo entre a vítima e o homicida.

A muller de 33 anos asasinada na madrugada desta segunda feira en Pontevedra foi apuñalada e presentaba numerosos golpes na cabeza, segundo veñen de confirmar fontes policiais en declaracións recollidas pola axencia Europa Press. As mesmas fontes confirmaron a detención dun home, de 47 anos de idade e de orixe portuguesa, como presunto autor dos feitos.

Foi a Policía Local de Marín a que detivo o home, após supostamente matar a muller, que respondía ás iniciais N.R.F.. O suceso produciuse nunha casa abandonada na rúa Cunchidos, no barrio pontevedrés de Estribela. Estas dúas persoas serían "toxicómanas", segundo a información transcendida até o momento, malia que só a vítima residía na infravivenda "okupada" xunto a outros dous homes.

A muller foi apuñalada e presentaba numerosos golpes na cabeza producidos cun obxecto contundente. Foi un veciño que pasaba polo lugar quen deu a voz de alarma contra as 5.30 horas da madrugada ao escoitar berros procedentes desta vivenda.

Ao lugar dos feitos Urxencias Sanitarias-061 enviou unha ambulancia asistencial dotada de soporte vital avanzado, mais o persoal sanitario só puido certificar o falecemento da muller.

A Policía Nacional de Pontevedra asumiu a investigación, descartando que sexa un caso de violencia de xénero ao non existir relación de parella entre a muller falecida e o arrestado, que xa se atopa nos calabozos da comisaría de Pontevedra, á espera de pasar a disposición xudicial.

O suposto homicida ten antecedentes policiais, igual que a muller, que esta terza feira tiña que comparecer nos Xulgados da Parda acusada de entrar nesas dependencias xudiciais a roubar expedientes e queimar unha bandeira española.

No pleno extraordinario que o Concello de Pontevedra celebrou esta segunda feira gardouse un minuto de silencio pola vítima do homicidio. Entre outros datos, na casa de Estribela tamén había un can que esta segunda feira foi rescatado pola protectora de animais Os Palleiros.