Unha muller é asasinada polo seu marido en Astorga

Concentración galega do pasado ano en repulsa da violencia machista. Fonte: Galiza Contrainfo

O homicida é policía nacional xubilado e presuntamente tería tiroteado a vítima no domicilio que ambos compartían, na madrugada desta terza feira

A cifra de asasinatos por violencia machista volve ascender após un novo crime rexistrado na madrugada desta terza feira. Unha muller de 62 anos foi tiroteada polo seu marido, policía nacional xubilado, en Astorga. O asasino, que xa está detido en dependencias policiais mentres se tramita o atestado, convivía coa vítima desde había catro décadas durante as cales non se produciran denuncias previas por maltrato.

 

Os feitos acontecían pasadas as 2:30 horas no bairro Puerta del Rey. Após matar a súa parella, o suposto homicida feriu un veciño do mesmo bloque de apartamentos. Este foi trasladado ao Hospital de León, onde se recupera cun prognóstico favorábel.

 

O Concello de Astorga convocou no mediodía desta terza feira unha concentración en repulsa ao asasinatomachista. O alcalde astorgano, Arsenio García, declaraba dous días de luto oficial e explicaba que este homicidio "conmocionou a veciñanza da localidade".