VIOLENCIA MACHISTA EN OURENSE

A muller asasinada en Ourense estaba desprotexida malia as sospeitas contra o agresor

A xuíza desestimou aumentar as medidas de seguridade por falta de probas aínda que a Garda Civil alertara do risco.


María Isabel Fuentes, a muller asasinada esta sexta feira no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), estaba desprotexida malia o risco para a súa vida. Os investigadores tiñan sospeitas fundadas de que Aniceto Rodríguez fora responsable da agresión que lle provocara graves danos cerebrais, e que fixo pasar por un roubo violento.

E así o comunicou a Garda Civil, que solicitou o 7 de abril ao Xulgado de instrución número 1 de Verín a detención do home acusado agora de asasinar a súa muller, segundo informa a axencia Efe. Porén, a xuíza instrutora desestimou as peticións de medidas de protección porque estaban baseadas en “conxecturas e suposicións”, ante a falta de probas que apuntaran a un plan homicida do home de 75 anos.

Rexeitou a intervención do teléfono de Rodríguez e establecer un protocolo de seguridade no hospital de Ourense. Os investigadores lanzaron a alerta, segundo o Faro de Vigo, pola existencia de contradicións no relato do presunto agresor, que será detido en canto se recupere das lesións que se ocasionou el mesmo após cometer o crime. 

A vítima estaba hospitalizada desde o seu ingreso o 2 de abril cun forte traumatismo na cabeza. O pasado 29 de abril foi trasladada desde Reanimación, unha zona con vigilancia permanente e coas visitas restrinxidas, á cuarta planta. Saira do coma nos últimos días e o seu estado melloraba pese a gravidade.

Un novo asasinato machista, once no que vai de ano no estado español, que provocou unha forte repulsa da sociedade galega. Concentracións en numerosas cidades e vilas contra unha barbarie que non cesa, que continúan hoxe, deixando nun segundo plano a campaña electoral. 

BNG, PSOE e AGE pediron explicacións pola falta de protocolos. O exfiscal superior de Galicia, Carlos Varela, pediu nese sentido que se adopten os mecanismos que están recollidos no plan contra a violencia de xénero do ano pasado. O goberno, a través do ministro de Igualdade, Alfonso Alonso, asegurou que continúan a traballar para evitar máis casos, aínda que non entrou a valorar as eivas do asasinato en Ourense.