Muller ao volante... vehículo máis seguro

Imaxe de arquivo dun accidente mortal rexistrado entre un vehículo e unha moto en Negreira. (Europa Press)
O Instituto de Medicina Legal da Galiza (Imelga) acaba de publicar un estudo sobre o perfil das persoas falecidas en accidente nas estradas galegas, que chama a atención sobre a diferenza na mortalidade por sexo, que deixa un perfil maioritario: o de varóns ao volante. No caso delas, a causa principal 
é o atropelo. 

Os varóns, ao volante; as mulleres, atropeladas ou como acompañantes. O estudo das mortes na circulación e uso de vehículo a motor do Instituto de Medicina Legal da Galiza (Imelga), incluído na súa memoria anual de actividade, relativa a 2019, chama a atención sobre a diferenza por sexos nas modalidades de accidentes mortais nas estradas do país, e tamén na propia mortalidade, que se duplica no caso dos homes. 

Das 131 vítimas que contabiliza o informe,  43 eran mulleres, o que representa menos de 33% do total, aínda cando o dato supón un aumento relevante respecto a anos precedentes (21% en 2018 e 29,5% en 2017).

Delas, só unha cuarta parte (11) eran as condutoras do vehículo accidentado, cifra que ascende a case 40% nos atropelos mortais (17) e a un terzo (14) nas falecidas que ocupaban o asento acompañante.

No caso dos varóns, 53 dos 88 falecidos –case dous terzos dos mortos na estrada– dirixían o automóbil, mentres que unicamente  8% eran acompañantes.

A tendencia mantense nos accidentes de moto: 2019 deixou 20 falecementos nesta clase de vehículos, dos que 17 eran varóns, 16 dos cales ocupaban o posto de piloto; porén, das tres mulleres que faleceron en moto só unha pilotaba.

Este desequilibrio na mortalidade non pode explicarse polo perfil das persoas condutoras: o censo da Dirección Xeral de Tráfico sitúa as licenzas masculinas na Galiza en 939.671, o que representa 54,4% do total.

Unha pista pode dala o último balance dos datos de siniestralidade viaria da Delegación do Goberno na Galiza, que fixa como causa máis habitual dos sinistros –mortais ou non– as distraccións ao volante (25% do total) ou a velocidade inadecuada (18%).

O informe do Imelga achega outra chave, ao estudar a incidencia do alcol e as drogas. En 24 das 131 persoas mortas na estrada o ano pasado atopouse algunha destas substancias, mais só unha era unha muller, e en cinco casos detectouse combinación de bebida e cocaína, sempre varóns.

No único sinistro no que se detectaron drogas –cannabis– sen presenza de alcol, tamén o falecido era un home. 

A rede viaria galega, a máis perigosa

A mortalidade ao volante non se pode desvincular do estado da rede viaria e, no caso da Galiza, este resulta un factor determinante, á vista da conclusións de informes como o de Avaliación da Rede de Estradas do Estado do RACE que, por quinto ano consecutivo, sitúa as estradas galegas como as máis perigosas e vincula a sinistralidade co mal estado de conservación.